O BNG reclama á Xunta no Parlamento que tome medidas ante a presenza de cianotoxinas no encoro de Portodemouros

Mini Rivas
Mini Rivas

Mini Rivas pide ao Goberno galego que investigue a súa orixe e actúe para preservar a saúde das augas e permitir o uso deportivo e de lecer da presa

O BNG vén de rexistrar un paquete de iniciativas no Parlamento galego para reclamar á Xunta que investigue a procedencia dos compostos nitroxenados e/ou fosfatados que causan todos os anos a explosión de cianotoxinas que ameazan a saúde humana e animal da contorna e dos ecosistemas do encoro de Portodemouros e que tome medidas para evitar a súa recorrente aparición, logo que Augas de Galiza comunicase a suspensión do baño e a navegación no encoro dende o 19 de agosto e ata nova comunicación pola presenza das devanditas cianotoxinas nas súas augas.

Segundo indica nas iniciativas o deputado nacionalista Mini Rivas, “chove sobre mollado, aínda que este ano a presenza destas cianotoxinas detéctase máis cedo”, xa que outros anos rexistrábase a partir do mes de setembro. Rivas explica que estas cianotoxinas son producidas polas cianobacterias (presentes en toda a xeografía terrestre nas augas doces) que poden experimentar un desenvolvemento desmedido baixo condicións de luz e calor intensos en masas de auga con altos contidos en compostos nitroxenados e fosfatados.

“A presenza dos compostos nitroxenados e/ou fosfatados nas zonas rurais é case sempre debido a escorrentías con restos de fertilizantes agrarios, vertidos de puríns procedentes de granxas, principalmente de vacún e de porcino, ou ao deficiente funcionamento dos inxenios de depuración de augas residuais tanto de orixe humana coma industrial”, advirte, para engadir a continuación que estas cianotoxinas son altamente perigosas para a saúde humana e animal, “ameazando o equilibrio dos ecosistemas acuáticos pola mortaldade e doenzas que provocan”.

Neste contexto, o portavoz nacionalista de Agricultura lembra que, no caso do encoro de Portodemouros, “esta situación, que se repite desde hai xa varios anos, está ameazando ademais da saúde dos seres vivos dependentes desta masa de auga, proxectos para o uso deportivo e de lecer das augas do encoro, proxectos que -segundo subliña- constitúen a única vantaxe e aproveitamento que a presa pode ofrecer aos veciños e veciñas e ás e aos visitantes”.

Por iso, empraza ao Goberno galego a investigar a procedencia dos compostos que orixinan a presenza destas cianotoxinas e a tomar as medidas necesarias para evitalas co obxectivo de preservar a saúde das augas e permitir o uso deportivo e de lecer do encoro de Portodemouros.     

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG