Congreso

BNG reclama retirar a eólica mariña e presenta alegacións ao Real Decreto

Néstor Rego
Néstor Rego

O BNG urxe a retirada dos POEM para eliminar a posibilidade de implantar os polígonos industriais de xeración de enerxía eléctrica na costa galega

Néstor Rego defende as principais liñas de traballo realizadas polo BNG coa presentación das alegacións ao RD polo que se regula a produción de enerxía eléctrica no mar

Respecto competencial e diálogo coas CCAA e o sector do mar, presenza de informes e estudos previos sobre o impacto negativo que terán estes proxectos ou garantir a reversión ao público: entre as cuestións máis destacadas

O Bloque Nacionalista Galego fixo públicas as alegacións presentadas ao Real Decreto polo que se regula a produción de enerxía eléctrica en instalacións que se implantarían no mar. Néstor Rego anunciou que, como cuestión previa, o BNG reclamou de novo formalmente ao Goberno do Estado que retire os Plan de Ordenación do Espazo Mariño e a posibilidade de que se implanten parques de eólica na costa galega. O deputado do BNG sinalou que nas alegacións se pide que se respecten as competencias propias das Comunidades Autónomas, que se garanta que parte da xestión sexa pública e reverta no público e, entre outras, a consecución da implantación dunha Tarifa Eléctrica Galega.

Sen renuncia á retirada dos POEM, apoiando as mobilizacións do sector pesqueiro

O deputado nacionalista lembra a presentación dunha consideración previa pedindo a retirada do Real Decreto en aplicación ao principio de precaución debido a que “non existe suficiente información do grao de afectación dos parques de eólica mariña sobre os ecosistemas e sobre a pesca”. O que si existe, continúa, é a experiencia empírica previa coa instalación de tres muíños en Viana do Castelo (Portugal) onde os pecadores afirman que, nun radio de quilómetros, desapareceu a actividade pesqueira.

Por este motivo, o BNG urxe a retirada dos POEM para eliminar a posibilidade de implantar os polígonos industriais de xeración de enerxía eléctrica na costa galega. Da mesma maneira, Néstor Rego expresa o apoio inequívoco do BNG á concentración convocada en Burela pola Plataforma en defensa do sector pesqueiro que terá lugar o vindeiro sábado, 6 de abril, ás 12h. “A mobilización da sociedade será chave para conseguir a retirada deste proxecto e conseguir que o sector pesqueiro non saia, máis unha vez, prexudicado” sinala Rego.

O BNG, sinala Rego, continuará traballando “para defender o seu mar, o seus ecosistemas mariños, o seu sector pesqueiro e marisqueiro. Para non hipotecar, máis unha vez, o futuro do noso País e dos nosos sectores produtivos para maior lucro dunhas poucas grandes empresas eléctricas.

As alegacións do BNG: respecto competencial, xestión pública e Tarifa Eléctrica Galega

O Real Decreto, sinala o deputado do BNG, obvia a capacidade de decisión que teñen as Comunidades Autónomas e, no noso caso concreto, a capacidade que posúe a Administración Galega sobre o seu territorio e o seu litoral e costa. “Estas alegacións defenden a necesidade de que exista unha coordinación coas CCAA á hora de tomar decisións” asegura Rego.

“Defendemos que exista un informe previo -preventivo e vinculante- realizado pola Administración Galega sobre o impacto social e económico que poden ter estes polígonos de eólica mariña nos nosos sectores produtivos, sobre todo o pesqueiro e o complexo mar-industria, así como o grao de afectación ao ecosistemas mariños e o noso litoral” anuncia.

Así mesmo, o BNG quere que se cumpra coa normativa galega sobre a instalación das infraestruturas de evacuación, que atravesarán as rías galegas e chegarán a  terra, onde se terán que instalar subestacións. “Do mesmo xeito, débense contar coas CCAA para regular o proceso de concorrencia competitiva” insiste Rego.

Débese garantir o diálogo co sector pesqueiro e marisqueiro nesta fase de exposición pública do Real Decreto co obxectivo de minimizar os impactos negativos. Tamén, engade Rego, estabelecer criterios -alén dos económicos- que alcancen ou superen no mínimo 50% da puntuación total para que “non sexa só o lucro económico o que determine a adxudicación destes parques neste proceso de concorrencia competitiva”.

Así mesmo, o BNG defende a presenza do Instituto Español de Oceanografía -con dous centros na Galiza- na Comisión de Valoración para que estea presente sempre o criterio científico “á hora de estabelecer a valoración” para achegar a información e o grao de afectación e impacto sobre os ecosistemas mariños e o impacto socioeconómico que terán os proxectos de eólica mariña.

“Se estes polígonos de eólica mariña se poñen en marcha, que desde o BNG agardamos que non sexa así, entendemos que se debe estabelecer baixo o criterio público porque esa é a única posibilidade de que realmente reverta minimamente en beneficio público” avanza Rego. Nesa medida, explica o deputado, entende que debe de haber unha reserva da potencia instalada para explotación pública por medio dunha empresa pública de enerxía. “Presentamos alegacións tamén para garantir o retorno social destes polígonos de eólica, por exemplo priorizando aquelas empresas que teñan o domicilio fiscal na Galiza” alega.

Por último, o deputado do BNG mantén o compromiso para a consecución da Tarifa Eléctrica Galega por ser “unha cuestión de xustiza”. “Se nós producimos enerxía eléctrica e somos un País excedentario, o lóxico é que exista unha compensación e que os galegos e galegas teñamos a enerxía máis barata” sinala. Unha rebaixa sinxela, explica Rego, eliminado por exemplo as peaxes que teñen que ver co transporte ou todos aqueles cargos e peaxes que non teñen que ver coa xeración e distribución da enerxía.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG