O BNG reclama a posta en marcha do operativo anti-lumes e rozas masivas para protexer vivendas e infraestruturas

ANAPONTON RP24ABRIL17
ANAPONTON RP24ABRIL17
O BNG reclama a posta en marcha do operativo anti-lumes e rozas masivas para protexer vivendas e infraestruturas
  • Ana Pontón pide fuxir do “curtopracismo” e propón un gran pacto de país para poñer en valor o monte e acabar coas causas estruturais desta lacra
  • Critica que a Xunta sega aplicando o “patrón” de loita contra os lumes de fai dez anos cando hai unha “desestacionalización” dos incendios

Un ano máis o monte volve a arder sen que a Xunta teña os deberes feitos, a contrario, limitouse a desfacer as medidas adoptadas para acabar coas causas estruturais do lume, non foi capaz de desenvolver unha política de posta en valor do monte e segue combatendo os incendios como fai décadas pese ao cambio de patrón e a “desestacionalización” dos lumes.

Tras poñer en valor o traballo do persoal anticiendios e solidarizarse coas persoas afectadas, a portavoz nacional, Ana Pontón, explicou as medidas do BNG, inmediatas e a medio prazo, convidando a fuxir do “cortoprazismo” e do rédito político ante un tema “de país”. “Eu nunca me farei unha foto cunha mangueiriña”, explicou graficamente.

No curto prazo, e á vista das 2.200 hectáreas que xa foron pasto das lapas, o BNG fai tres propostas. Primeiro, que a Xunta poña en funcionamento o 100% do operativo de loita contra os lumes garantindo o seu carácter público e a súa profesionalidade. Segundo, convocatoria inmediata da liña de axudas para a limpeza de montes con  rozas masivas e un incremento das franxas de protección, “para priorizar a preservación de vivendas e infraestruturas”.

E, en terceiro lugar, aprobación do Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) 2017 sen esperar ao mes de maio.

Como medidas a medio prazo, Pontón aposta por non usar os lumes dun xeito “partidario” e chama a sacar adiante un “gran acordo contra os incendios forestais e en defensa do monte”. Ese acordo debe pasar por diversificar o aproveitamento do territorio sen hipotecalo á estratexia de ENCE e ao monocultivo do eucalipto e debe incluír un plan para revitalizar o rural.

“Para o BNG a loita contra o lume é unha cuestión de país, fai falta unha proposta seria e é fundamental que todas as forzas políticas e todos os axentes sociais implicados nos poñamos a traballar en defensa do noso medio rural e cun gran acordo do país, porque non vale mirar para outro, hai que facer propostas”, alegou.

O BNG considera que se trata dun problema con múltiples caras: abandono do medio rural, despobación e envellecemento, unha industria do lume e intereses espurios arredor da extinción, un goberno carente dunha política que poña en valor o monte, citou Pontón.

“Un monte ordenado e produtivo é o mellor antídoto contra os incendios porque un monte limpo, ordenado, ao que se lle saca proveito é máis difícil que arda e se o fai sería máis fácil apagar o incendio”, argumentou a dirixente do Bloque, quen tamén pediu incrementar a implicación social e máis dotación pública para loitar contra as persoas incendiarias.

Eleccións francesas

A portavoz do BNG valorou o resultado da primeira volta das eleccións galas que, indicou, constata unha caída das forzas tradicionais do sistema de partidos francés, un ascenso alarmante da extrema dereita  xenófoba e racista e tamén constata que hai importantes segmentos sociais que cuestionan as políticas da Unión Europea.

“Esas políticas que están provocando un incremento da exclusión, da pobreza e da precariedade e mesmo que teñen pechado as portas e milleiros de persoas refuxiadas que fuxían das guerras”, explicou Pontón, “é un resultado que agudiza a incerteza do que vai pasar coa UE”.

Neste sentido, o Bloque considera que se debería, “con valentía”, abrir un debate sobre cal debe ser o futuro da UE, ao tempo que lembra a posición “moi crítica” que sempre tivo o nacionalismo co actual modelo polo que significou para Galiza, pero tamén polo que significou de apoio a un sistema capitalista das multinacionais e da gran banca radicalizando o seu perfil neoliberal.

“O Bloque aposta por unha Europa dos pobos, solidaria e xusta pero, neste momento, as institucións europeas camiñan noutra dirección”, concluíu.