parlamento galego

BNG reclama máis facilidades para que as comunidades de montes veciñais en man común accedan ás axudas da PAC

Carme Aira
Carme Aira
Carme Aira pide á Administración axudas e máis información para que as CMVMC con usos gandeiros leven a cabo o Plan de Aproveitamento Pastoril    

A deputada do BNG Carme Aira defendeu no Parlamento unha proposición non de lei para reclamar á Administración medidas que faciliten ás comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC) o acceso ás axudas directas da PAC para hectáreas con usos gandeiros.

En concreto, o BNG solicitou o establecemento de axudas para que as CMVM con usos gandeiros poidan levar a cabo o Plan de Aproveitamento Pastoril, un dos requisitos que se esixen agora para o acceso ás axudas. “Este plan é complexo e custoso e polo tanto leva tempo realizalo e rexistralo, entre un e tres anos”, advertiu a deputada nacionalista.

Aira acusou ao Goberno do PP de ter “cambiado os marcos” sen facer un traballo previo coas perceptoras e perceptores da PAC e “sen anestesia”, é dicir, sen informar, promocionar e incentivar ás comunidades de montes para inscribirse no rexistro de montes con uso de pastoreo para o cobro das axudas, o que leva implícita a realización do plan de aproveitamento silvopastoril.

Defendeu, neste sentido, a posta en marcha das axudas para que os montes veciñais podan facer fronte ao gasto de encargar o plan e rexistrar os montes, así como un servizo de asesoramento e tramitación propio dende as delegacións de Montes ou distritos forestais. Avogou tamén polo deseño dunha campaña de información e concienciación para que as CMVM cumpran os novos requisitos da PAC e non se perdan as axudas por hectáreas de monte. “O DOG non é suficiente”, apuntou.

Durante a defensa da súa iniciativa parlamentaria, contra a que votou o PP, Carme Aira lamentou que dende que a Xunta “publicitou” a incorporación de 57.000 novas hectáreas, só 20 CMVM da provincia de Lugo -das máis de 900 que existen- estean no rexistro de montes con uso de pastoreo.

“Non contar con este plan para que as persoas agricultoras poidan percibir as axudas da PAC dará como resultado que moitas das hectáreas declaradas nos montes non obteñan as axudas e unha vez máis será o territorio e as persoas individualmente as que sufran as consecuencias”, alegou.

Carme Aira subliñou a necesidade de apoio ás comunidades de montes veciñais en man común como “elementos inestimables de ordenación do territorio”, para a recuperación de superficie agraria útil, ou como instrumento de loita contra o lume. E lembrou que a cuarta parte do territorio galego, máis de 700.000 hectáreas, corresponden a monte veciñal en man común xestionado por 2.800 comunidades.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG