BNG reclama a implantación das cercanías ferroviarias na Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego

A forza nacionalista rexistrou emendas aos Orzamentos do Estado para impulsar a modernización da rede interna dos camiños de ferro e a ampliación dos servizos

Néstor Rego sinala que non se xustifica a discriminación da Galiza, “un dos poucos territorios do Estado en que non existen servizos de proximidade”

O Bloque Nacionalista Galego reclama que os Orzamentos do Estado de 2022 permitan impulsar a modernización da rede ferroviaria galega e implantar os servizos de proximidade en todas as áreas metropolitanas do noso País. Con este obxectivo, o deputado nacionalista Néstor Rego rexistrou diversas emendas ao proxecto de contas do Goberno español, entre elas una partida de 100 M€ para crear os servizos de cercanías.

O BNG advirte de que conceptos como ‘transición enerxética’ ou ‘descarbonización da economía’ non poden ficar só en slogans, senón que deben ter una translación práctica ás políticas públicas. E, como afirma o deputado nacionalista, Néstor Rego, “iso, no ámbito dos transportes, implica apostar de verdade e decididamente por un modo de mobilidade eficaz, eficiente e sustentábel como o ferrocarril”.

Por iso o BNG centrou as súas emendas en materia de infraestruturas no impulso á modernización e ampliación da rede interna dos camiños de ferro na Galiza, con propostas de actuación nas liñas A Coruña-Lugo, A Coruña-Ferrol, by-pass de Betanzos, liña RAM Ferrol-Ribadeo, saída sur de Vigo para conectar con Portugal ou estudo da conexión Compostela-Lugo por Ordes e Curtis.

Aliás, a frente nacionalista reclama a ampliación e mellora dos servizos ferroviarios no noso País e, particularmente, a implantación das cercanías en todas as áreas metropolitanas, para o que presentou una emenda de 100 millóns de euros. “Non se entende que a Galiza sexa un dos poucos territorios do Estado en que non existen servizos de proximidade; representa unha discriminación do noso País que non ten ningún tipo de xustificación e que é preciso corrixir canto antes”, salienta Rego.

O BNG considera chave a creación dos servizos de proximidade para avanzar nunha mobilidade sustentábel, que priorice o transporte público. “Non se pode falar a serio de ‘desincentivar’ o uso do vehículo particular en canto non exista unha alternativa eficaz e confiábel de transporte público, que poida ser utilizada na mobilidade habitual, especialmente para a conexión das cidades coas súas áreas de influencia”, subliña Néstor Rego.

O deputado nacionalista considera, ademais, que a cantidade proposta é perfectamente asumíbel no conxunto das contas do Estado. “É, realmente, unha cuestión de vontade política, mais para a Galiza é fundamental para comezar a transformar a mobilidade no noso país e para mellorar os servizos e a calidade de vida dos galegos e galegas”, conclúe Rego.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG