congreso

BNG reclama ao Ministerio prolongar 24 meses as axudas ás e aos mariscadores da Ría do Burgo

Encontro O Burgo
Encontro O Burgo

Néstor Rego reúnese coa Confraría para falar do estado dos traballos de dragaxe e rexeneración ambiental, así como do mantemento das axudas até a total recuperación da capacidade produtiva dos bancos marisqueiros.

BNG traslada o seu apoio ás reclamacións dos mariscadores e mariscadoras da Ría do Burgo.

O Deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, acompañado por outros cargos da organización nacionalista na comarca da Coruña, como Iria Taibo e David Soto, mantiveron no día de hoxe unha reunión no Porto de Oza co Patrón Maior da Confraría, Javier Mariñas, acompañados tamén do Vicepatrón Maior, Jesús Vázquez, e de Manuel Baldomir, membro da Xunta Xeral, así como doutros membros da Confraría de Mariscadores da Ría do Burgo, para falar da actual situación das obras de dragaxe e rexeneración da ría, así como da necesidade de manter as axudas até completar a rexeneración da capacidade produtiva dos bancos marisqueiros.

No momento actual, tal e como traslada o Patrón Maior, os traballos de dragaxe continúan e prevese a finalización dos mesmos no mes de decembro de 2023, momento no que a Confraría comezaría coas tarefas de rexeneración produtiva e de sementeira do marisco nos bancos. Porén, deberán agardar entre 18 e 24 meses para que se recupere a capacidade extractiva e, polo tanto, un ano e medio, cando menos, até que os mariscadores e mariscadoras podan ter ingresos derivados da actividade marisqueira que se viu interrompida polas obras de dragaxe.

“O Ministerio comprometeuse á rexeneración da Ría” manifesta Rego, “e, polo tanto, debe facerse cargo do mantemento das axudas aos mariscadores e mariscadoras mentres duren as tarefas de sementeira e até a recuperación da capacidade produtiva, traballos que tamén se inclúen no proxecto e que son consecuencia das obras de dragaxe”.

Reunión O Burgo
Reunión O Burgo

Os mariscadores e mariscadoras reclaman do Ministerio que asuman o compromiso de manter as axudas compensatorias até o remate das obras de rexeneración, é dicir, até que a plena produtividade da Ría do Burgo se recupere. Os representantes da Confraría tamén trasladaron a súa preocupación pola falta de interese do Ministerio, que xa ignorou a convocatoria de reunión remitida polos mariscadores para o pasado día 19 e na que non se presentou ningún responsábel das áreas correspondentes do MITECO, convocatoria que reiteran para o próximo día 26.

“No BNG apoiamos as demandas da Confraría e tamén partillamos a súa preocupación porque neste momento tan delicado e importante para a recuperación da calidade ambiental e da produtividade se poida deixar aos mariscadores sen ingresos durante case dous anos” declara o deputado nacionalista, “non pode volver repetirse a situación que se deu no comezo das obras cando Ministerio e Xunta se trasladaban a pelota sobre cal das dúas Administracións era a responsábel de sufragar as axudas, mentres que os mariscadoras e mariscadoras queden sen ingresos como consecuencia directa das obras. Reclamamos o compromiso do Ministerio antes de que rematen as tarefas do Dragado”.

Así mesmo, desde o sector marisqueiro denuncian a situación actual de retraso no pagamento das axudas. Segundo trasladaron ao Deputado do BNG, por problemas nas certificacións remitidas pola Xunta e o desfase entre o importe inicialmente orzamentado e o finalmente xustificado, estase a producir un retraso no pagamento das transferencias, o que supón que os mariscadores e mariscadores leven sen cobrar as axudas desde xaneiro de 2023. “Non pode tolerarse que por un mero problema burocrático ou administrativo se deixe aos mariscadores e mariscadoras sen ningún ingreso durante seis meses, ao tempo que se se lles exixe que sigan cumprindo coas súas obrigas e pagamentos” finaliza Rego, “imos reclamar a axilización da transferencia e unha solución urxente do problema diante do Ministerio”.

 

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG