congreso

BNG reclama ao Goberno español que autorice a comercialización do marraxo

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego insta o MITECO a retirar a súa proposta de capturas 0 e a, seguindo os seus propios informes técnicos e as recomendacións dos organismos internacionais, manter un tope de capturas que permita a recuperación da especie pero que dea saída ás capturas accidentais de marraxo dientuso nas liñas de palangre.

O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar unha Proposición Non de Lei e novas preguntas escritas instando o Goberno español a autorizar a comercialización do marraxo dientuso, pois é posíbel facelo respectando as recomendacións dos organismos internacionais para a recuperación da especie e evitando a sobrepesca.

Na actualidade non hai unha pesca dirixida de marraxo dientuso, “mais non se pode evitar a súa captura accidental, como consecuencia da pesca de peixe espada, durante a que é habitual que aparezan exemplares de marraxo” salientou Néstor Rego. O BNG considera perfectamente posíbel e congruente coas medidas de protección da especie que os exemplares mortos, que non poden ser devoltos xa ao mar vivos, poidan ser retidos a bordo e permitir a súa comercialización.

Por esta razón, a formación nacionalista solicita que se permita de forma urxente a comercialización das toneladas de marraxo dientuso almacenadas en cámaras frigoríficas desde 2020. “Evitaríanse así os descartes en liña e respectaríase igualmente a actual Política Pesqueira Común” sinalou Rego.

Para o BNG é absolutamente incomprensíbel que o MITECO optase polo estabelecemento dunha total prohibición de exportación de marraxo, pois a pesar da evidente necesidade de estabelecer medidas de protección e conservación da especie que garantan a súa recuperación, os expertos consideraban que a redución dos exemplares capturados permitiría igualmente a consecución dese obxectivo e ademais, daría cobertura a esas capturas accidentais nas pescarías doutras especies que non poden ser devoltas vivas ao mar.

Nun informe do propio Ministerio (DENP para 2020) no relativo ao stock de marraxo do Atlántico Norte, concluíase que para evitar la sobrepesca, a frota do Estado español non debía superar un volume de capturas de 350 toneladas. A pesar desta recomendación o MITECO trasladou a Europa a proposta de cotas cero para 2021 e continúa sen dar unha solución ás toneladas de marraxo conxelado que foron capturadas dentro da legalidade. O Ministerio debe ter en conta non só a viabilidade ambiental, senón tamén a económica e social, para o que ten que dar unha saída ao sector.

O deputado Néstor Rego lembrou que “os buques palangreiros da Galiza sométense a estritos controis e colaboran coa comunidade científica, contando con observadores a bordo desde os anos 80, e compren coa normativa vixente en materia de rexistro de capturas, polo que veñen contribuíndo desde hai tempo á sustentabilidade das pescarías, polo que non é de xustiza o tratamento que están a recibir”.

Ademais, ao impedimento da comercialización actual e aos centos de toneladas que aínda permanecen almacenadas en cámaras frigoríficas desde 2020, hai que sumar os gastos que isto provoca, a forte caída dos prezos da  quenlla e a gran flutuación na demanda, “que fai perigar a viabilidade económica da actividade e coloca moitos armadores e patróns nunha situación límite” subliñou Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG