O BNG recibe no Parlamento Europeo a unha delegación de afectados polas preferentes

Manterán encontros con responsables da Comisión Europea e da Comisión de Peticións, nunha visita auspiciada pola eurodeputada nacionalista Ana Miranda

O grupo está integrado por representantes das plataformas de Lugo, Santiago, Salnés, Baixo Miño, Ferrolterra, Moaña, Morrazo, Condado-Louriña-Paradanta, Redondela-Arcade, Arousa e organizacións como Adicae-Vigo e Agaprofi A Coruña

O BNG recibe mañá luns no Parlamento Europeo a unha delegación de representantes das plataformas dos afectados pola estafa das preferentes, que acude a Bruxelas para presentar unha denuncia ante a Comisión de Peticións da Eurocámara, a Comisión ante a que calquera cidadán da UE pode presentar unha reclamación.

A visita está auspiciada polo BNG por solicitude dos afectados, tras a reunión celebrada o pasado 16 de novembro na sede do Parlamento galego co portavoz parlamentar nacionalista, Francisco Jorquera, co viceportavoz de asuntos económicos, Carlos Aymerich y coa eurodeputada Ana Miranda.

O obxectivo é darlle aos afectados a posibilidade de coñecer de primeira man o proceso de presentación da denuncia ante Bruxelas e de familiarizarse con todo o percorrido que atravesará a denuncia desde que chega á Comisión de Peticións, ata que os cidadáns comparecen para explicar o caso ante as eurodeputadas e eurodeputados e a posterior emisión dun dictame por parte do Parlamento Europeo.

Neste sentido, o grupo está formado por un total de 20 representantes das plataformas de Lugo, Santiago, Salnés, Baixo Miño, Ferrolterra, Moaña, Morrazo, Condado-Louriña-Paradanta, Redondela-Arcade, Arousa, e organizacións como Adicae-Vigo e Agaprofi A Coruña.

Acompañados da eurodeputada Ana Miranda manterán reunións tanto con responsables da Comisión Europea como da Comisión de Peticións. En concreto, no caso do Executivo da UE o encontro será na Dirección de Mercados e Servizos denpendente do Departamento que encabeza o comisario europeo Michel Barnier, responsable de dar explicacións ao Parlamento Europeo sobre a estafa das preferentes. Igualmente, Miranda concertou un encontro con representantas da Comisión de Peticións, da que é membro titular, con responsables do secretariado e deputados e expertos do Grupo Verdes/ALE, ao que está adscrito o BNG na Eurocámara.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG