Galegas 2016

O BNG de Ourense propón suspender as pegadas desta noite en toda a provincia por solidariedade coa veciñanza afectada polos lumes

Incendio de Oímbra
  • “Van máis de 6.000 hectáreas queimadas en diferentes concellos da provincia, houbo desaloxos de aldeas e demostrouse que o modelo de loita contra o lume é insuficiente e require cambios profundos”, dixo Noa Presas, cabeza de lista do BNG
  • A catástrofe ambiental afecta a Rede Natura e ao Parque Natural do Xurés, na maior vaga de lumes desde outono do 2011.

O BNG insta ás demais forzas políticas que se presentan por Ourense a suspender en toda a provincia as pegadas de carteis nesta noite electoral como mostra de solidariedade coa veciñanza dos concellos afectados pola vaga de lumes e respecto polo traballo dos profesionais do servizo de extinción que seguen loitando desde o martes.

“O mínimo que podemos facer as forzas políticas diante dunha catástrofe sen comparación nos últimos anos é facer este xesto e pasado o 25 de setembro, malia as diferenzas na análise e nas solucións, chegar a puntos de acordo para que non volte acontecer”

O BNG non colará na provincia de Ourense os carteis da candidatura nesta primeira noite de campaña, “quedan 15 días para confrontar posicións e alternativas, non podemos comezar hoxe como se nada disto estivera pasando e non vísemos o fume que invade todo”. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG