parlamento galego

BNG propón melloras para o persoal dos Consorcios Provinciais de Incendios e o PP vota en contra

Iago Tabarés
Iago Tabarés

Iago Tabarés reclama á Xunta que negocie “honestamente” cos traballadores e poña fin á situación de conflitividade laboral á que se viron abocados       

O BNG volveu reclamar hoxe na Cámara a integración como persoal laboral fixo dos Consorcios Provinciais contra Incendios e Salvamento dos traballadores que foron subrogados cando os parques comarcais de bombeiros pasaron á xestión pública directa. O deputado Iago Tabarés defendeu na Comisión 1ª unha proposición non de lei neste sentido e na que se reclamaba ademais a negociación e aprobación dun convenio colectivo para o persoal de todos os consorcios provinciais.

O deputado nacionalista lamentou o voto en contra do PP a unha iniciativa que, apuntou, a Xunta debería aplicar “por sentido común e por aplicación da lei”, e tamén para solucionar o conflito colectivo ao que se viron abocados os traballadores. A xestión do servizo de extinción e salvamento nos parques comarcais, que no pasado corría a conta de empresas privadas, pasou a realizarse directamente dende os consorcios provinciais, pero non se produciu a total integración do persoal que prestaba servicio nos mesmos. Os traballadores indefinidos das empresas privadas que xestionaban os parques e que foron subrogados, salientou o nacionalista, non teñen recoñecida a día de hoxe a condición de laboral fixo dos consorcios.

Iago Tabarés lembrou que Tribunal Supremo xa ditou unha sentenza, do 28 de xaneiro de 2022, na que se recoñece aos traballadores este dereito, sempre que as contratacións como indefinidos non foran realizadas en fraude de lei. Insistiu por elo en que a súa conversión en persoal laboral fixo dos consorcios non é algo que a Xunta deba facer por “altruísmo”. Trátase, dixo, dunha medida “absolutamente necesaria” para dar seguridade xurídica e remediar a precariedade laboral destes traballadores, e para mellorar ademais o funcionamento dos parques comarcais e do servicio que prestan.

O parlamentario nacionalista advertiu, neste sentido, dos efectos que está a ter a conflitividade laboral derivada de que a Xunta nin sequera se preste a negociar “honestamente” cos traballadores, que decidiron deixar de facer voluntariamente horas extraordinarias. “Estase a por de manifesto a falta de efectivos nos parques comarcais e diariamente téñense que pechar parques porque o persoal é insuficiente”, alertou Tabarés que, a modo de exemplo, expuxo que o pasado día 13 se mantiveron inactivos os de Bueu e Vilagarcía, “o que implicou que toda a comarca do Morrazo, Vilaboa, Vilanova, A Illa... estivesen esa xornada sen parque de bombeiros”.                          

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG