O BNG propón frear a eucaliptización como primeiro paso para unha nova política forestal

Ana Pontón
Ana Pontón

Ana Pontón: “A min non me verá cunha manguerita e de castellanos facéndolle oposición ao Goberno no medio dun ataque incendiario”

Feijóo ten Galiza “desaparecida” porque as súas promesas quedan “Blowin’ In The Wind”, ironiza remedando as cancións de Chao e Dylan

O BNG propón frear a eucaliptización como primeiro paso para unha nova política forestal

A portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo ao presidente do Goberno consensuar un Plan de ordenación integral do monte galego, que mude o actual modelo centrado no monocultivo de eucalipto ao servizo de ENCE para pasar a outro que xere riqueza desde o punto de vista ambiental, social e económico. Como primeiro paso nese plan, o BNG propón unha moratoria para frear a expansión do eucalipto, así como a suspensión definitiva da especie nitens.

“Nin unha soa hectárea nova de eucalipto en Galiza”, salientou Pontón, tras explicar con datos o descontrol desta especie altamente combustible. “Estase plantando máis eucalipto que en Australia e hai 230.000 hectáreas máis das que estaban previstas no propio Plan forestal da Xunta ata 2032, de tal xeito que o monocultivo de eucalipto e pino aproximase ao 60%, tres veces máis que no conxunto do Estado”, indicou.

Mentres no resto do Estado e nos países europeos a repoboación se fixo maioritariamente con especies autóctonas, en Galiza só 300.000 dos 8,2 millóns de metros cúbicos que se cortan son de madeira de calidade procedente de especies autóctonas.

“Deben ser parvos todos os demais por apostar por madeiras con alto valor engadido, mentres o PP impulsa un modelo no que máis do 90% da madeira é para queimar en ENCE ou para facer taboleiros e só unha mínima parte para fabricar mobles”, argumentou Pontón na sesión plenaria de control.

A dirixente do Bloque advertiu que a “febre expansiva” con esta especie “ten unha repercusión directa nun problema ambiental de primeira orde como son os incendios forestais, que cada ano queiman miles de hectáreas e centos de millóns de euros”.

Pontón pediulle a Feijóo non “caer no curtoprazismo” nun tema de vital importancia “que se agravará co cambio climático”: “Eu xa lle aseguro que non vou facerme fotos con manguerita e zapatos castellanos para facerlle oposición ao Goberno no medio dun ataque incendiario” e replicoulle a xefe do Executivo que se o seu argumento é “replicar cunha guerra de cifras sobre en que momento arderon máis hectáreas, non merece ser presidente de Galiza”.

Dentro da proposta para consensuar un plan de ordenación integral do monte, ademais da moratoria sobre o eucalipto, o BNG tamén pon sobre a mesa tres medidas concretas máis.

Monte multifuncional

Un plan para potenciar a transformación da madeira e xerar valor engadido e, polo tanto, máis ingresos económicos e máis emprego en Galiza, beneficios fiscais para incentivar o coidado e ordenación do monte, -“porque un monte limpo e ordenado con especies autóctonas é o mellor antídoto contra os lumes”- e, por último, impulsar un aproveitamento multifuncional do monte.

Pontón instou a Feijóo mudar un modelo “fracasado que nos deixa un territorio abandonado, cunha expansión descontrolada do eucalipto que tira á baixa dos prezos e estraga a capacidade de xerar riqueza, valor engadido e emprego do noso monte”.

“Xa sabemos da súa incapacidade para defender Galiza no Estado”, criticou Pontón,  ironizando con Feijóo por ter reescrito a famosa canción de Manu Chao El desaparecido: “Así é como ten vostede Galiza, desaparecida, dos orzamentos do Estado, desaparecida no debate de financiamento, desaparecida na negociación do AVE, desaparecida na comisión pantasma da AP9”.

Unha irrelevancia que Pontón atribuíu a que o slogan “Galiza primeiro” está “blowin in the wind”, parafraseando neste caso o emblemático tema de Bob Dylan.