BNG propón “diálogo” entre a Xunta, Confraría de Vigo e Asociación de Marisqueo para protexer a actividade pesqueira ante a instalación de puntos de fondeo no porto de Canido

Carmela González
Carmela González
Carmela González pediu frear as autorizacións e buscar unha solución consensuada cos axentes afectados e lamentou que o PP rexeitara a proposta nacionalista

A deputada do BNG, Carmela González, a través dunha proposición non de lei, instou á Xunta a paralizar as autorizacións para os fondeou de recreo no porto de Canido en Vigo polo impacto negativo sobre a pesca tradicional e o marisqueo.

Na súa intervención, a nacionalista explicou que a Autoridade portuaria de Vigo deu luz verde para ocupar  unha superficie de  60 mil metros cadrados de lámina de auga nas inmediacións do porto de Canido, dentro do termo municipal de Vigo, con destino ao fondeo de embarcacións menores, fundamentalmente de carácter recreativo.

Esta decisión, explicou a deputada, foi denunciada pola Confraría de Pescadores de Vigo, ante a o impacto dos  “fondeadeiros” sobre a actividade  pesqueira que tradicionalmente se desenvolve na zona, advertindo ademais do especial interese dos fondos mariños de Canido pola súa elevada produtividade de peixe e marisco e  zona de cría de alevíns.

A nacionalista considerou que a Xunta debe abrir “un diálogo” cos axentes afectados  e buscar o consenso. Neste sentido, insistiu en que a Confraría de Vigo, a Asociación de Marisqueo a Flote, as organizacións de defensa ambiental e as asociacións afectadas pola instalacións deben participar activamente no diálogo coa administración para buscar “unha solución racional e consensuada” porque a zona ocupada para o “fondeo de embarcacións deportivas” afecta moi negativamente aos bancos marisqueiros incluídos nos plans de xestión autorizados pola Consellaría do Mar en, Toralla, Canido e Sertal e o importante banco de anémona,  ourizo de mar e algas nas súas inmediacións.

A xuízo da deputada, a actuación que se ven de autorizar vai acompañada  dun evidente impacto nunha actividade relevante como é a pesca tradicional e tamén advertiu que a medida incidirá nas condicións de  navegación dos barcos que operan desde Canido.

Con estas autorizacións, afirmou, o que se pretende é legalizar o fondeo irregular que desde hai demasiado tempo se está realizando a carón do porto de Canido e que ten sido reiteradamente denunciado sen que a Autoridade Portuaria actuase ao respecto, reiterou a deputada.

Dende o  BNG cremos que hai que superar ese modelo “caprichoso e privatizador”das nosas costas cunha ordenación racional e consensuada que aposte por un  aproveitamento sustentábel e multifuncional pero que non comprometa o desenvolvemento dunha actividade tan importante para Vigo e a súa área e por estas razón,  demandamos  do Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vigo a “paralización da ocupación da zona autorizada para o fondeo de embarcacións menores, fundamentalmente de carácter recreativo, nas inmediacións do porto de Canido, dentro do termo municipal de Vigo, que a Consellería do Mar “rexeite a instalación para o fondeo” e sobre todo, “que se  abra un proceso de diálogo coa Confraría de Vigo e Asociación de Marisqueo a Flote da Ría de Vigo como principais afectadas, así como coas organizacións de defensa ambiental e o resto das organización afectadas na procura dunha solución consensuada”.

A parlamentario do BNG lamentou que o Partido popular votara en contra de abrir o diálogo reclamado polos axentes afectados.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG