BNG pide á Xunta que non desoia a evidencia dos datos e insiste na urxencia de plans de emprego para mulleres e mocidade

Daniel Pérez
Daniel Pérez
Daniel Pérez advirte que o leve repunte da poboación ocupada débese ao aumento da poboación activa pola volta ao mercado laboral como demandantes de emprego de moitas mulleres expulsadas durante a pandemia  

BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que deixe de facer “proselitismo político” cos datos sobre emprego, obviando as graves eivas estruturais do mercado laboral que estes evidencian, e urxiuna a atallar con dous plans específicos dous dos principais problemas que padece Galiza: o desemprego e precariedade laboral de mulleres e mocidade.

Pérez recriminou ao Goberno do PP que se limite á valoración superficial da baixada do paro e o leve repunte da poboación ocupada na EPA do primeiro trimestre de 2022, porque esa “análise parcial e sesgada” o que demostra é que “ao Partido Popular o único que lle preocupa é o Partido Popular”. Neste sentido, explicou que este repunte da poboación ocupada débese ao aumento da poboación activa, é dicir, das persoas que tendo traballo, pero tamén estando paradas, buscan un emprego. “Un aumento que se explica sobre todo a que moitas mulleres que foran expulsadas do mercado de traballo durante a pandemia, están regresando agora xa como demandantes de emprego”, recalcou.

O deputado do Bloque incidiu en que, cando foron expulsadas do mercado laboral, a situación destas mulleres caracterizábase xa pola precariedade, precariedade á que volverán no caso de atopar emprego “porque a Xunta non adoptou nin unha soa medida de calado para reverter esta situación”. Así, e logo de advertir que en 2021 saíron do mercado laboral 7.000 mulleres e que a día de hoxe hai en Galiza 38.800 mulleres inactivas fronte aos 3.700 homes, Pérez atribuíu esa saída “forzada, non voluntaria” do mercado laboral ao empeoramento das condicións laborais, a falla de oportunidades (abandono da busca de emprego por non atopalo durante moito tempo) e á asunción do coidado de maiores e crianzas, dada a infradotación de servizos públicos nestes ámbitos.

Logo desta análise, o portavoz nacionalista de Emprego insistiu na súa proposición non de lei na urxencia de que o Goberno galego poña en marcha plans específicos de emprego para as mulleres e a mocidade, “colectivos que xa partían dunha situación laboral marcada pola precariedade, que se acentuou coa pandemia e que vai a máis coa crise actual”.

Ao seu xuízo, é preciso articular un plan de emprego feminino para atallar a precariedade e a falta de oportunidades que sofren as mulleres, facilitar que a re-entrada ao mercado laboral de miles de mulleres que agora volven ser demandantes de emprego non supoña a súa volta á precariedade e dar solucións tamén ás que seguen en situación de inactivas. Igualmente urxente considerou o plan de emprego específico para a mocidade, co obxectivo de “cortar a saída constante de man de obra nova e cualificadísima cara outros países”. Dúas medidas que o BNG vén defendendo no Parlamento galego e que, como tamén aconteceu hoxe, son vetadas continuamente polo PP. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG