BNG pide á Xunta un compromiso para recuperar a materia de igualdade de xénero nas diferentes etapas educativa

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas

Mercedes Queixas lembra que esta materia formaba parte do currículo académico desde o 2016 e dende setembro deixou de estar presente

Lamentou que o Goberno galego  renuncie a educar en valores de igualdade, respecto e tolerancia

A través dunha pregunta parlamentaria, a deputada do BNG Mercedes Queixas demandou do Goberno galego un compromiso para recuperar a materia de igualdade de xénero nas diferentes etapas educativas.

A deputada do BNG iniciou a súa intervención amosando o seu malestar pola decisión do Goberno de substituír á secretaria xeral de Igualdade pola directora xeral de Educación, Judith Fernández, para responder ás cuestións formuladas polo grupo nacionalista considerando que a temática da pregunta corresponde ao ámbito da  violencia de xénero, a  igualdade e a educación en igualdade. De aí, dixo, que hoxe debería ter sido a secretaria de Igualdade a encargada de responder.

A xuízo da deputada do BNG,  afrontar a fin da violencia de xénero precisa dunha firme vontade política que asuma unha estratexia de planificación global  desde o comezo dunha formación educativa en igualdade.

O Goberno galego renuncia a educar  en valores de  respecto,  tolerancia e convivencia en igualdade

Na actualidade, explicou Mercedes Queixas, os diferentes informes e estatísticas confirman que entre os menores de 18 anos está a medrar “a violencia machista” impulsada por unha visión negacionista e discursos abertamente “antifeministas” que fan máis necesario que nunca “educar en igualdade”.

Pola súa parte, a directora xeral de Educación defendeu a supresión da materia de  igualdade para incorporar aos currículos de ESO e BAC tres novas materias: Cultura Financeira, Intelixencia Artificial para a Sociedade e Tecnoloxías Intelixentes. A deputada do BNG replicou que renunciar á formación do alumnado en igualdade de xénero de forma específica desde o currículo escolar, como reforzo aos contidos transversais, “é renunciar ao principio básico de educación nos valores do respecto, da tolerancia e da convivencia”.

Queixas volveu criticar a presenza da directora de educación cando as preguntas, dixo, están dirixidas especificamente a secretaria xeral de Igualdade, xa que noutra ocasión o BNG xa formulou esta mesma cuestión a través dunha proposición non de lei dirixida á consellería de educación e por iso hoxe queremos saber  “como valora a secretaría xeral de Igualdade a eliminación da materia educativa de igualdade de xénero”.

A deputada insistiu en que lle parecía “un despropósito” que a secretaría xeral de Igualdade non comparecera no Parlamento para responder a pregunta formulada polo BNG. “Vostede -recalcou Queixas dirixíndose á directora xeral de Educación- non está lexitimada para responder como secretaria de Igualdade” e desde o BNG continuaremos buscando a forma para acadar esta resposta. En calquera caso, “o Goberno do PP e o estilo Rueda quedan retratados” e moito me temo, dixo, que xa non debe haber secretaría xeral de Igualdade ao igual que xa non existe a materia de igualdade dentro do currículo escolar.

A deputada afirmou que urxe actuar sobre as consecuencias da violencias de xénero dende todas as instancias, económicas, xudiciais sanitarias  e políticas liderando todas as accións propositivas e tamén educativas porque “todo parte da educación” e para educar en igualdade de xénero o mellor espazo é a escola.

“A violencia de xénero non pode nin debe normalizarse e consolidarse, estivo oculta demasiado tempo e sen identificar e mesmo xustificándoa como  ‘cousas de familia’  pero temos que demostrar que estamos noutro tempo e non mirar para outro lado”, sentenciou.

Agregou, no mesmo sentido, que “ninguén nace aprendido para protexernos das desigualdades, nin do machismo e por iso resulta tan importante formar as persoas en igualdade de xénero tecendo unha rede sólida para loitar contra as agresións ás mulleres”. Finalmente,  subliñou que non é unha boa noticia que a Xunta decida eliminar a materia educativa de igualdade porque é un paso atrás. A supresión da  materia,  que contaba cunha grande demanda e unha avaliación moi positiva, incidirá negativamente na loita contra a violencia de xénero e a favor da convivencia en igualdade.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG