O BNG pide medidas para reducir o gas radon nos centros de traballo, tanto públicos como privados

Luís Bará en comisión parlamentaria
Luís Bará en comisión parlamentaria
O BNG pide medidas para reducir o gas radon nos centros de traballo, tanto públicos como privados

O deputado do BNG, Luís Bará sinala que o  radon é un gas radioactivo que se atopa en solos, rochas e auga. É un gas incoloro, inodoro e insípido que provén da desintegración nuclear do radio e  cunha presenza importante en toda a codia terrestre e nomeadamente en solos graníticos coma o do noso país. O radon é a maior fonte de exposición humana á radioactividade natural; entra nas edificacións principalmente a través de fendas na cimentación, polas paredes, tubaxes, e mesmo por difusión a través de cerramentos en contacto co chan.

Estudos realizados en todo o mundo -e tamén en Galiza- engade Bará, mostran que “as persoas expostas  a niveis elevados deste gas teñen un maior risco de desenvolver cancro de pulmón”.

O radon, recalca o deputado do BNG,  é un grave problema para a saúde polo que “todos os países  deben  protexer e concienciar á poboación sobre os seus prexuízos”. Neste sentido,  propón que se inclúa a “protección contra os efectos negativos do radon na lexislación sobre vivenda, aconsellando reducir a súa presenza  a niveis inferiores a 100 Bq/m3”.

GALIZA GRAVEMENTE AFECTADA POLA EXPOSICIÓN AO RADON

O deputado lembra que os estudos realizados no Estado español reflicten que Galiza é  unha das zonas con maior irradiación de radon,  “gas presente nos solos graníticos fracturados e que pasa a sotos e vivendas”.

En xaneiro de 2012, o BOE publicou a Instrución IS-33 do Consello de Seguridade Nuclear, sobre criterios para a protección fronte á radiación natural. Esta instrución establece nos 600 Bq/m3 (becquerelios por metro cúbico de aire no interior) de concentración media anual de radon durante a xornada laboral o umbral por riba do cal é obrigatorio activar a protección para os traballadores e traballadoras.   Sen embargo, remarca o nacionalista, os  centros de traballo con alta permanencia do público (hospitais, centros educativos, cárceres...) o nivel establécese en 300 Bq/m3.

6 de febreiro, data límite para aplicar a Directiva europea

A Unión Europea estableceu o 6 de febreiro de 2018 como data límite para a aplicación da Directiva europea,  en vigor desde 2014. Esta normativa, explica Bará, establece en 300Bq/m3 o umbral de referencia para as concentracións de radon en espazos pechados nos lugares de traballo e obriga a realizar medicións en zonas de elevadas concentracións do gas radioactivo. A citada norma tamén establece a obriga de aprobar un Plan Estatal de acción para o radon.

Medidas do BNG contra a exposición ao gas radon

Para o deputado , estamos  ante “un grave problema de saúde pública”, que require “medidas  normativas, de información, prevención, e protección da poboación” e a Xunta de Galiza segue sen tomar a iniciativa nesta materia polo que exiximos  a posta en marcha dun  “Plan de protección contra o radon nas vivendas e centros de traballo” que ademais contemple, entre outras medidas:

  1. Demandar do goberno do Estado a inclusión no Código Técnico de Edificación de medidas de prevención e protección fronte á contaminación por radon.
  2. Desenvolver un Plan de protección contra o radon nas vivendas e nos centros de traballo, procurando a implicación de todas as administracións e contando co asesoramento dos centros universitarios especializados nesta materia.
  3. Desenvolver un Plan de medición e redución do radon nos centros de traballo dependentes da administración autonómica: centros de saúde, centros da terceira idade, edificios administrativos, centros educativos, escolas infantís...
  4. Establecer políticas de saúde pública que inclúan a información á poboación e a medición dos niveis de radiación garantindo os estándares de calidade.