BNG pide a eliminación “inmediata” do xacinto de auga nas lagoas de Sanxenxo e no Rego da Trabe en Culleredo e impedir a súa proliferación

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez advirte que o lirio acuático provoca a morte doutras especies  e resulta urxente intervir, de maneira rápida, para que non provoque as mesmas  consecuencias como noutras partes do Estado
A deputada do BNG, Rosana Pérez, a través dunha proposición non de lei, instou á Xunta de Galiza “á  eliminación inmediata” das poboacións de xacinto de auga nas Lagoas das Cachadas en Sanxenxo, no Rego de Trabe en Culleredo, así como doutras poboacións detectadas, a revisión frecuente  de todos os puntos onde se teña detectado o “camalote” e investigar a súa orixe de procedencia. Ademais, tamén reclamou “responsabilidades” pola situación xerada xa que a proliferación do xacinto de auga está a provocar a morte doutras especies.

Na súa intervención, Rosana Pérez explicou que nas as últimas semanas  véñense detectando  en distintas praias do noso país cantidades importantes da especie vexetal, a Eichhornia crassipes, comunmente coñecida como “xacinto de auga, lirio acuático ou camalote”.

Ao parecer, dixo, esta especie depredadora procede de Portugal   onde leva anos convertida nun importante problema e é especialmente perigosa pola “rapidez coa que se reproduce e polos graves efectos, mesmo mortais  sobre  outras especies”.

Segundo os propios técnicos, explicou a deputada,  a súa eliminación só pode ser manual ou con maquinaria especializada, xa que doutro xeito produciría danos irreversíbeis no ecosistema e formas de vida autóctonas e consideran  que a loita contra estas especies  invasoras só ten dúas vías: “a existencia de protocolos ou plans preventivos e a actuación rápida no caso da súa aparición”. Estes factores levárona a seren  incluída  na lexislación española e europea como unha das  “especies exóticas invasoras preocupantes e a prohibir a súa tenencia e comercialización”.

O propio Ministerio de Transición Ecolóxica, engadiu a nacionalista, recolleu no 2019 unha serie de ubicacións con alto risco de aparición da planta, entre elas algunhas áreas das provincias da Coruña e Pontevedra..

Tras a intervención da popular, Felisa Rodríguez que restou nocividade á especie e asegurou que  en Galiza a súa presenza é testemuñal, a nacionalista lamentou que o Partido popular vetara a iniciativa do BNG para impedir a proliferación dunha especie que cualificou de “invasora e tóxica” e advertiu que a situación provocada polo xacinto de auga pode derivar en  consecuencias aínda máis graves. Rosana Pérez negou que a especie só se propague en auga doce, como afirmou a portavoz popular,  xa que esta especie, dixo, “xa apareceu nalgunhas praias do Barbanza e Salvora”.

Para a nacionalista o Partido popular continua sen tomar medidas preventivas para que a especie siga estendéndose e remate nun  “grave problema” como xa está ocorrendo nalgunhas zonas do Estado español.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG