O BNG leva á Eurocámara a persecución de Facenda aos emigrantes galeg@s retornad@s

O BNG leva á Eurocámara a persecución de Facenda aos emigrantes galeg@s retornad@s
  • No  debate da denuncia de “acoso de Facenda ás persoas emigrantes galegas retornadas”,  a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda e a Plataforma de afectad@s demandarán da Comisión de Peticións europea esixir ao goberno español o cumprimento   dos  Convenios Bilaterais asinados cos  Estados membros , eliminar os expedientes abertos e realizar un cambio da normativa tributaria que  recoñeza o  mesmo status para  as pensións  estranxeiras e  españolas.

Á instancias do BNG, a Eurocámara debaterá na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, o vindeiro mércores 22 de marzo ás 11:15hs, a denuncia de persecución  a persoas emigrantes galegos retornados por parte de Facenda.

A denuncia será examinada na Eurocámara a petición da portavoz do BNG, en Europa, Ana Miranda, a través do Grupo Verdes-ALE e será presentada por Alexandre Lago Portela en nome da Plataforma de Emigrantes retornados da comarca de Vigo integrada na Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados.

Ana Miranda  e os membros da Plataforma solicitarán da Comisión Europea un pronunciamento sobre a “mala xestión”das institucións do Estado español, a respecto das persoas que emigraron dende Galiza a Estados membros europeos nos anos 40,50 e 60 polo que reclamarán, da institución europea, “instar ao Goberno español a cumprir cos   Convenios Bilaterais asinados con d Estados membros da UE, eliminar os expedientes abertos e mudar a normativa tributaria” para que se  recoñeza o mesmo status  entre as  pensións de orixe estranxeiro e as  españolas, “como un só pagador”, dado que  a Seguridade Social, tanto dos Estados Membros como do Estado Español, é a encargada de abonar as pensións.

Ana Miranda lembra que o debate responde a unha  petición mediada polo BNG tras o convite dun  grupo de representantes das distintas coordinadoras a Bruxelas no ano  2016, solicitando a  inclusión da denuncia de “acoso por parte de Facenda” na orde de traballos da Comisión de Peticións da Eurocámara ante a  gravidade dunha situación que afecta a un gran número de persoas emigradas.

Pola súa parte, a  Comisión de Peticións solicitou  un informe específico á Comisión de Economía do Parlamento Europeo sobre o “acoso masivo de Facenda a tantos miles de emigrantes retornados”, explicou a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda.