congreso

BNG lembra ao Goberno que debe cumprir os compromisos coa Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego

“Se o Goberno di que cos orzamentos prorrogados pode gobernar, o Goberno poderá -e deberá- cumprir os acordos aos que chegou” sinala o deputado do BNG

Cuestións como a ampliación das bonificacións da AP-9 e AP-53, a creación dos tres xulgados de violencia de xénero en 2024 ou o impulso para o estudo e implantación das cercanías na Galiza poden en deben saír adiante como previsto

O BNG entende que, a pesar da decisión unilateral do Partido Socialista de renunciar aos orzamentos do Estado para este ano, é posíbel “facer as modificacións necesarias no Orzamento prorrogado para levar a cabo as cuestións recollidas no acordo de investidura para 2024”. O deputado do BNG, Néstor Rego, salienta que existe marxe e mecanismos suficientes para garantir o cumprimento do documento entre ambas formacións para “impulsar a Axenda Galega” tanto nas actuacións previstas como nos proxectos pendentes de realizar. “Se o Goberno di que cos orzamentos prorrogados pode gobernar, o Goberno poderá -e deberá- cumprir os acordos aos que chegou” avanza.

“Partimos de que terán que cumprir, en todo o caso deberán explicar, a partir de agora, como van facer para que eses compromisos -que non son co BNG senón con todas as galegas e galegos- poidan saír adiante” sinala o deputado do BNG. Nós, continúa Rego, sabemos que existen mecanismos para que moitas das medidas vinculadas aos orzamentos de 2024 poidan desenvolverse cos orzamentos prorrogados.

O deputado nacionalista exemplifica estes acordos para 2024 na creación dos tres xulgados de violencia de xénero na Galiza, no compromiso de aplicar novas bonificacións na AP-9 e AP-53 ou contratar o estudo para a implantación das cercanías ferroviarias na Galiza. “Nas partidas actuais dos Orzamentos prorrogadas hai a posibilidade de que estas actuacións se poidan sacar adiante” salienta Rego.

“O que entendemos é que, após unha decisión que tomaron eles mesmo antes de constatar mesmo se que tiñan ou non maioría para sacar adiante estes orzamentos, o Goberno debe cumprir coa Galiza e cos galegos e galegas” enfatiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG