parlamento galego

BNG interésase polo traballo de Redemar e critica a demora da Xunta para facerlle fronte á perda de produtividade das rías

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez considera “ inexplicable” que Galiza non contase antes cun órgano no que ciencia e sector traballen da man a prol da xestión sustentábel

A deputada do BNG Rosana Pérez interesouse este martes na Comisión de Pesca do Parlamento polos traballos que está a desenvolver Redemar para poñerlle freo á perda de produtividade que afecta ás rías galegas e da que, dixo, o sector do mar leva anos denunciando sen que a Consellería do Mar lle fixese fronte ao problema con dilixencia.

Na formulación dunha pregunta á directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, a deputada nacionalista subliñou a necesidade de dispor de “accións e actuacións investigadoras” que boten luz sobre as causas que están a provocar unha “continua e, nestes momentos moi preocupante xa, perda de produción das rías galegas”. É por iso que salientou a oportunidade de contar cun órgano que fomente o intercambio de coñecementos entre o sector pesqueiro, os organismos científicos e a propia Administración.

Porén, Pérez Fernández considerou “sorprendente e inexplicábel”  que Galiza, onde o sector pesqueiro, marisqueiro e acuicultor ten un importantísimo peso económico, social e laboral, non tivese até o de agora un órgano como Redemar. “Á vista dos resultados, dá a impresión de que a Consellería do Mar estivo preto de 14 anos pouco menos que asubiando, descoidando un sector absolutamente fulcral no noso país, do que viven comarcas enteiras da nosa costa”, asegurou. “As nosas rías son riquísimas, pero como todos os recursos naturais, había que telas empezado a coidar moito antes”, dixo.

Destacou, neste sentido, que na nosa contorna hai países menos ricos e moitos menos dependentes da pesca que Galiza mais hai décadas que contan con instrumentos deste tipo “porque foron sabedores de que os recursos son limitados e que se necesita unha xestión regulada e sostíbel para poder mantelos e para permitir non só que miles de persoas como é o no noso caso, poidan vivir deles senón para que medren ao longo do tempo”.

“Imos tarde e a tendencia é xustamente a contraria, unha tendencia á baixa que xa provocou que Galiza comece a deixar de ser un referente e principal distribuidora no Estado de recursos marisqueiros”, advertiu a deputada do BNG.

Salientou, por outra banda, que é fundamental que Redemar conte cos recursos suficientes, “sen escatimar”, para que os seus obxectivos “non queden, como tantas das promesas da Consellería, nunha simple declaración de intencións e se convertan en papel mollado” .

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG