BNG instará á Xunta no Parlamento a exixir ao Goberno central que atenda o emprazamento da UE e anule as prórrogas da AP-9

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará afirma que compensa indemnizar á concesionaria para ter unha autoestrada galega e libre de peaxes e pide un estudo “serio” neste sentido

Pide que se pondere o agravio a Galiza ante a gratuidade doutras autoestradas da mesma época ou o rescate con máis de 4.000 millóns das radiais madrileñas

BNG vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento galego para que a Xunta demande do Goberno central que responda favorablemente á carta de emprazamento da Comisión Europea e que, en consecuencia, inicie os trámites para proceder a anular as prórrogas da AP9 que se tramitaron vulnerando a normativa comunitaria de contratación e de concesións públicas.

Neste sentido, o Bloque tamén insta á Xunta a reclamar que o Goberno do Estado inicie os trámites para a anulación dos convenios de ampliación da AP9 de 2011 a 2018, atendendo aos informes do Consello Consultivo de Galicia e da Comisión Galega de Competencia que, ratificando a mesma interpretación, os considera nulos de pleno dereito por incumprimento da normativa de contratación e nos que advirten sobre incrementos abusivos e inxustificados das peaxes e sobre beneficios fiscais encubertos.

En referencia a unha posible indemnización a Audasa, actual concesionaria, o deputado nacionalista Luís Bará asegura que “compensa indemnizar á empresa para que a AP9 sexa de xestión pública e gratuíta, que é o que o BNG defendeu sempre: unha AP9 galega, libre de peaxes”, recalca, logo de recordar que o rescate das radiais madrileñas xa supuxeron no seu día un custe de máis de 4.000 millóns. 

En todo caso, para o Bloque resulta preciso realizar un estudo sobre os custos que terían o rescate da concesión, dado que non se chegou a facer “ningún estudo serio e iso que –subliña Bará– houbo un acordo do Parlamento galego pedindo que o realizase o Goberno central”. Segundo recalca o deputado nacionalista, neste estudo sería obrigado “que se pondere a discriminación que supón que outras autoestradas da mesma época sexan agora xa gratuítas, porque non se prorrogaron as súas concesións, e o agravio comparativo que tamén supuxo o rescate das ruinosas radiais madrileñas: unha discriminación evidente cara a Galiza”.

Así pois, nas distintas iniciativas rexistradas na Cámara galega, o BNG lembra que o emprazamento da Comisión Europea vén motiva polo incumprimento por parte do Goberno central da normativa que obriga a adxudicar as ampliacións das concesións mediante unha nova licitación.

No caso da AP9, o Bloque recorda que o Goberno ampliou o contrato de concesión “de maneira irregular, sen iniciar un procedemento de licitación pública” e advirte nesta liña que a Comisión considera que non se cumpriu a normativa de contratación pública vixente naquela altura, en particular a Directiva 93/37/CEE.

“Entendemos que a resposta do Goberno central á carta de emprazamento da Comisión debe ser no sentido de velar polo cumprimento da legalidade e, en consecuencia, iniciar os trámites para a anulación da concesión”, explica a fronte nacionalista, para engadir a continuación que, máis alá da observancia da legalidade, existen outros motivos que xustifican esta decisión, entre eles, os cuantiosos beneficios obtidos pola concesionaria e a comparación con outras autoestradas da mesma época da AP9, “que pasaron ou van pasar á xestión pública directa por parte do Estado polo remate do período concesional”.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG