Galegas 2024

BNG incluirá a Costa de Soavela, Cabo Home e Donón nun proxecto piloto para poñer en valor lugares singulares costeiros

Cangas
Cangas

Luís Bará anuncia en Cangas que o goberno do Bloque desenvolverá dende a Xunta un programa de mellora de núcleos para potenciar a calidade de vida da veciñanza ademais do turismo

Avoga por reclamar as competencias de Galiza para ordenar usos e actividades no seu litoral

O BNG incluirá a Costa de Soavela, Cabo Home e Donón nun proxecto piloto para poñer en valor lugares singulares costeiros. O cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, puxo hoxe sobre a mesa este compromiso en Cangas, onde afirmou que esa zona da costa do Morrazo será a primeira na que se actuará trala chegada do Bloque ao goberno da Xunta despois do 18F.

Bará subliñou que nesta lexislatura o BNG dende o goberno galego reclamará ao Estado a capacidade política da Galiza para ordenar os usos e actividades no seu litoral. Sinalou que se pedirá de maneira urxente a transferencia das competencias en materia de costas, tanto as normativas para aprobar unha lei galega de protección do litoral adaptada á realidade galega, como as de intervención e xestión, relativas a autorizacións de instalacións na costa do país.

O cabeza de cartel , así mesmo, subliñou como fundamental poñer en valor o litoral, polo que explicou que entre as propostas do BNG inclúese un programa piloto para potenciar lugares singulares costeiros. “Hai moitas paisaxes e zonas espectaculares en Galiza, como pode ser esta zona da Costa de Soavela, de Cabo Home ou Donón, ou tamén o Ézaro ou a Costa da Morte, entre moitas outras”, apuntou.

Citou o cabeza de cartel os valores ambientais, naturais e patrimoniais que se deben aproveitar. En concreto, apuntou o castro de Donón, que será parte deste proxecto estela do novo goberno do BNG, como un dos elementos singulares a potenciar.

Por outra banda, Bará tamén anunciou un programa de mellora de núcleos costeiros para potenciar a calidade de vida da veciñanza ademais do turismo. Neste sentido avogou por atender a necesidade de equipamentos e, de maneira prioritaria, traballar no saneamento integral do litoral, ampliando e mellorando os sistemas de depuración existentes e rematando cos vertidos de augas residuais sen depuración.

Avogou por desenvolver un programa integral de concienciación, educación, control e eliminación da contaminación mariña, con especial atención á eliminación de residuos plásticos e similares nas instalación portuarias, nos areais e nas marismas. Tamén apuntou propostas para a planificación do uso do medio mariño e do litoral, facendo compatible a actividade pesqueira coa conservación da biodiversidade.

Acompañado polo tamén candidato Paulo Ríos e a alcaldesa Araceli Gestido ademais doutras integrantes nacionalistas na comarca xunto á ‘Caracola’ de Lito Portela, o número un pola provincia de Pontevedra destacou que todas estas actuacións só serán prioritarias cun goberno galego liderado por Ana Pontón, xa que dixo, “o PP ten amosado moi pouco interese pola defensa da nosa costa”.

Lembrou a neglixente resposta da Xunta de Rueda ante a crise dos pellets ou as actuacións en beneficio de empresas como Ence, á que o goberno en funcións de Rajoy concedeu a ampliación da concesión dos terreos nos que está asentada a fábrica pasteira en Lourizán.

Bará destacou que é necesaria unha rexeneración no goberno galego, para que este goberne en favor das galegas e dos galegos e non das empresas do IBEX e das portas xiratorias. Subliñou que a maioría da poboación galega quere ese cambio, polo que pediu á xente indecisa que acuda a votar e concentre no BNG todo o voto, xa que Ana Pontón e o Bloque son a única alternativa realista para sacar ao PP da Presidencia da Xunta. “As sensacións son moi boas, pero non se pode perder un só voto”, insistiu o nacionalista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG