O BNG impulsa o debate para darlle a Galiza un novo status político para evitar que quede desaparecida

ANAPONTON RPLUNS5XUÑO17 3
Ana Pontón

Sabado 23 presentación das Bases Democráticas para unha nova Galiza

O BNG aproveitará o debate de política xeral previsto para a primeira semana de outubro para reclamar un novo marco institucional para Galiza que lle permita avanzar no seu autogoberno e a dote das ferramentas para resolver os problemas do país. A proposta nacionalista concrétase nun documento, -Bases Democráticas-, que será presentado este sábado nun acto público en Santiago, como primeiro paso dun debate con todos os axentes políticos, económicos e sociais.

Estas Bases Democráticas foron definidas pola portavoz nacional, Ana Pontón, como “o documento máis relevante presentado polo nacionalismo nas últimas décadas”, co que o BNG “da un paso adiante” “para evitar que Galiza quede desaparecida”. “Imos presentar este documento a todas as forzas políticas, aos axentes sociais, económicos e culturais porque é un debate que nos atinxe a todas”, indicou.

Debate que o Bloque considera deber ser “tranquilo e sereno pero que non pode esperar, porque Galiza non pode ver como os demais se moven e quedar parada porque iso é retroceder nun momento no que, si ou si, vai abrirse un novo escenario político no Estado no que este país ten que aparecer con voz propia para poder avanzar no seu autogoberno”, salientou Pontón.

“A vontade das nacións a exercer a súa soberanía é o debate que acapara toda atención e ante esta disxuntiva temos que tomar a iniciativa política e evitar que Galiza quede anulada”, afondou, tras advertir que “o que non se pode facer e aplicar a anulación de Galiza como fai Feijóo”.

Co obxectivo de evitar que Galiza quede atrás, o BNG quere abrir no Parlamento un debate sobre o modelo político e institucional antes de que remate este período de sesións e presenta este sábado as Bases Democráticas que sintetizou en tres eixos.

Primeiro recoñemento de Galiza como nación con capacidade de tomar decisións sobre os asuntos que lle afectan directamente, en segundo lugar propostas vinculadas á democracia e a novos dereitos sociais e políticos “ante un marco do 78 enferruxado”. E, en terceiro lugar, propostas no ámbito económico para ter instrumentos e poder aproveitar todos os recursos e potencial do país. Finalmente, propostas para o desenvolvemento da lingua e da cultura galegas.

Pontón confía en poder acadar o maior consenso político e social posible para levar adiante un debate que permita darlle a Galiza un novo marco institucional, ante a evidencia de que o actual está “esgotado” e ten demostrado a súa “ineficacia” para solucionar os problemas dos e das galegas: desemprego, precariedade, emigración ou a crise demográfica.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG