parlamento galego

BNG exixe reforzar os Equipos de Valoración da dependencia para cumprir os tempos fixados pola Lei

Iria Carreira
Iria Carreira
Iria Carreira lembra que  as persoas dependentes agardan  en Galiza unha media de 370 días para ver recoñecida esta condición que  en moitos  casos chega coa persoa xa falecida

A deputada do BNG, Iria Carreira, a través dunha moción, exixiu ao goberno “reforzar os Equipos de Valoración e Orientación da dependencia para cumprir os tempos fixados pola lei”.

Na defensa da iniciativa lembrou que as persoas dependentes agardan en Galiza unha medida de 370 día para ver recoñecida esta condición que en moitos casos, lamentou, “chega coa persoa solicitante xa falecida”.

Neste sentido, instou á Xunta a proceder de inmediato ao reforzo dos Equipos de Valoración para cumprir os tempos fixados e priorizar ás áreas territoriais cun maior listaxe de agarda.

Ademais considerou que urxe un Plan para ampliar os servizos públicos de atención á dependencia con centros de día e residencias de maiores coa xestión directa das residencias comprometidas e construídas pola Fundación Amancio Ortega.

A deputada reiterou que o tempo para a valoración é “elevadísimo” tendo en conta que a lei marca 6 meses dende a solicitude  e das  1.010 persoas que abandonaron a lista de espera de resolución de prestación, no ano  2022  o “35,35% fixérono como consecuencia do falecemento da persoa”  Así pois, recalcou,  “un terzo da redución da lista de agarda é pola morte da persoa en espera e non por medidas ou actuacións do Goberno galego para reducir as listaxes”

No ano 2022 , engadiu a deputada, o sistema continuaba sen atender en Galiza a 3.271 persoas cunha valoración positiva para acceder ás prestacións que continúan sen ser ser atendidas. Por outra parte, afirmou que  “Galiza é a autonomía que menos inviste en dependencia”, segundo os datos que deu a coñecer na xornada de onte a Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais. O conxunto dos Gobernos autonómicos, indicou a nacionalista destinaron en 2022 de media para financiar  este servizo 74% do seu custo total, mentres que a  Xunta da Galiza só dedicou 65%, e explicou que o  gasto medio anual por persoa beneficiaria dunha axuda de dependencia,  situouse na Galiza, no pasado exercicio, en 6.955 euros. Os números do país só ficaron por riba de Castela e León, con 6.716 euros, e de Andalucía, con 6.547 euros, colocándose máis unha vez por baixo da media estatal, que marcou un investimento de 8.135 euros. A situación, sen embargo, é  aínda peor se tomamos  como referencia o gasto por persoa potencialmente dependente. Este indicador analiza o investimento público previsto para o conxunto de persoas que reciben a prestación e para aquelas peticionarias da mesma incorporadas nas listas a falta de avaliar o seu estado e neste ámbito, "Galiza está á cola do Estado en  en investimento en servizos sociais”.

O goberno persiste en manter unha  situación insoportable

A nacionalista afeou que a Conselleira de Política Social  se limite a abordar esta “grave situación” anunciando, unha vez máis a vella promesa do novo decreto da dependencia   e os bonos de coidados e residencias. Un decreto que leva en tramitación desde finais de 2021, que o Consello da Xunta aprobou o seu proxecto en abril de 2023, que en setembro tivo o aprobado final no Consello da Xunta, pero que aínda non apareceu no DOG, e  uns bonos de coidados no fogar e residencias que só  responden ao modelo privatizador do Partido popular.

Pagan (parcialmente) prazas na residencia privada, no centro de día privado, en empresas de SAF privadas… porque non hai prazas na pública e existe unha lista de agarda de anos para acceder aos servizos aos que teñen dereitos recoñecidos. “Os anuncios do PP non resolven a escaseza enorme que existe en Galiza de prazas públicas en servizos esencias de atención a persoas dependentes e persoas con discapacidade”, denunciou

A deputada insistiu en que Galiza é un territorio envellecido e cun deficiente número de prazas nas residencias , “23.195, 3,3 prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos, moi lonxe das 5 prazas recomendadas pola OMS”.

Tras a intervención da portavoz popular Raquel Arias que criticou a diagnose descrita pola deputada do BNG, esta replicou que o PP continua negando a realidade sobre a  grave situación das persoas dependentes e escaseza de prazas nas residencias. Iria Carreira recalcou que os datos responden a estudos rigorosos e preguntou cantas residencias públicas e prazas creou o Partido popular nos últimos 14 anos?

A deputada concluíu a súa intervención denunciando o anuncio da Xunta sobre a xestión privada  da residencia do Castiñeiriño financiada pola  Fundación Amancio Ortega en Santiago de Compostela e volveu a reclamar unha rede de residencias e prazas públicas en Galiza.

Os votos en contra do Partido popular impediron que prosperara a moción defendida polo BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG