Congreso

BNG exixe unha estratexia específica para frear o fechamento de explotacións gandeiras na Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego reclama garantir a continuidade das pequenas e medianas explotacións, parar o seu fechamento e incentivar a súa viabilidade futura: “Administración central e Xunta deben tratar este tema de forma conxunta”

A frente nacionalista aposta por topar o prezo dos alimentos dunha cesta básica e evitar que os produtores vendan por debaixo dos custos de produción

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas no Congreso para reclamar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación unha estratexia con medidas específicas que eviten o fechamento de pequenas e medias explotacións gandeiras na Galiza. A frente nacionalista denuncia a pasividade do Goberno do Estado ante a progresiva desaparición dun sector importante e con tanto peso na economía galega, provocada pola suba desproporcionada dos custos de produción e unha Lei de Cadea Alimentar que non garante a rendibilidade das explotacións.

O sector primario ten un peso indiscutíbel na economía galega. Un estudo do Instituto Galego de Estatística de 2020 sinala que o sector agroalimentario achega 6,9% do PIB da Galiza. Pola contra, na última década o fechamento das explotacións agrogandeiras e a desaparición de postos de traballo agrarios na Galiza está sendo constante e agudizouse profundamente nos últimos dous anos.

“O aumento dos prezos dos combustíbeis, dos pensos, da enerxía, da materia prima e outros factores, están a prexudicar enormemente as pequenas e medias explotacións gandeiras e ameazan a sú supervivencia, incapaces de facer frente ao crecente volume de gastos” sinala o deputado do BNG no Congreso. Ante esta situación, o Goberno do Estado “semella estar de brazos cruzados e as medidas adoptadas até o momento son insuficientes”.

A propia Lei de Cadea Alimentar aprobada hai dous anos, explica o deputado nacionalista, non garante a rendibilidade das explotacións, e menos agora co incremento dos prezos de produción. “Precisamente nos dous últimos anos, cando máis explotacións fecharon -sobre todo explotacións de carne e o sector lácteo-, que teñen un peso específico na economía galega e son sectores chave no ámbito da agricultura e a gandería” afirma.

“Exiximos que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación pase da actitude pasiva a desenvolver unha estratexia con medidas específicas para o sector co obxectivo de evitar o fechamento de máis explotacións gandeiras na Galiza” subliña Rego. Mesmo, engade o deputado, a Administración estatal e galega deberían abordar esta cuestión de forma conxunta “dado o peso fundamental que o sector da carne e o lácteo ten na Galiza, co obxectivo de garantir a súa continuidade, parar o fechamento das explotacións e incentivar a súa viabilidade futura”.

En opinión do deputado do BNG, as pequenas e medias explotacións gandeiras son as que de verdade fixan poboación no medio rural, “son un modo de vida para moitas familias e contribúen para dinamizar áreas e comarcas que están ficando sen poboación”.

Control dos prezos de mercado e baixada do IVE

Alén do máis, a organización nacionalista reitera a necesidade de baixar o IVE a produtos de primeira necesidade como a carne e os produtos pesqueiros. “Ademais de favorecer o consumo deste tipo de alimentos, permitindo unha dieta equilibrada para a cidadanía, estaríase axudando aos sectores gandeiro e pesqueiro, chaves para a economía do noso País” explica o deputado.

Aliás, o BNG defende estabelecer un tope ao prezo dunha cesta básica da compra. “Deixar en mans das empresas distribuidoras o control de prezos é absurdo, non serve absolutamente para nada” destaca Rego. Para o deputado do BNG, as grandes distribuidoras “levan a maior parte da torta do negocio que resulta desta escalada inflacionista e non precisamente os produtores, -como os gandeiros-, que moitas veces están a vender poder debaixo dos custos de produción”. Neste sentido, a frente nacionalista defende que sexa o Goberno do Estado quen estabeleza os mecanismos necesarios para controlar de maneira efectiva o prezo dos alimentos dunha cesta básica de alimentación: “que tope os prezos, hai que dicilo así” finda.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG