BNG exixe a dimisión de Baltar tras coñecerse que o TS vai investigalo por conducir a máis de 200 km/h

Noa Presas considera “unha absoluta vergoña” para os galegos e as galegas que o PP de Alfonso Rueda o manteña como senador por designación autonómica

A deputada do BNG Noa Presas esixiu hoxe a dimisión do ex presidente da Deputación de Ourense e actual senador por designación autonómica, Xosé Manuel Baltar, logo de coñecerse que o Tribunal Supremo acordou abrir causa penal e investigalo ao apreciar indicios de un delito contra a seguridade viaria por conducir a 215 quilómetros por hora.

“É unha absoluta vergoña para todos os galegos e galegas que esta persoa teña o cargo de senador por designación autonómica”, asegurou a deputada ourensá, que destacou que a decisión do Tribunal Supremo confirma que existen “indicios moi graves” cometidos por Baltar “no exercicio de cargo público e por riba con recursos públicos”, pois os feitos polos que se vai investigar ao tamén ex presidente do PP de Ourense se remontan ao pasado 23 de abril, cando, sendo presidente da Deputación, Baltar foi interceptado a 215 quilómetros por hora na A-52. Segundo o informe da Garda Civil de Tráfico, ía ao volante dun coche propiedade do organismo provincial.

A deputada nacionalista subliñou así mesmo que o Supremo decide agora abrir causa penal “porque o PP estivo conchabado co señor Baltar nunha estratexia de dilación ante a Xustiza”. “Con este historial -denunciou- o PP o que fixo foi premiar ao señor Baltar co cargo de designación autonómica para así sortear os problemas internos do seu partido”.

E por iso que a Noa Presas instou ao presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, a pedirlle a Baltar a súa renuncia no Senado.  “Ante estes novos feitos, Baltar ten que dimitir e se non o fai motu propio, o señor Rueda tenllo que exixir se é que aínda lle queda algo de peso político”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG