PARLAMENTO GALEGO

O BNG esixe á Xunta que free calquera operación especulativa de Ferroatlántica coas concesións hidroeléctricas no Xallas

Ana Pontón co comité de empresa de Ferroatlántica
Ana Pontón co comité de empresa de Ferroatlántica
O BNG esixe á Xunta que free calquera operación especulativa de Ferroatlántica coas concesións hidroeléctricas no Xallas
  • Ana Pontón critica “ás medidas tintas” do Goberno ante estes movementos da empresa e pide explicacións no Parlamento: “No é admisible esta actitude morna cando están en xogo centos de empregos na Costa da Morte”
  • Lembra que hai unha resolución unánime da Cámara en contra da segregación, contra a que tamén se manifestou o TSXG

A portavoz nacional e deputada, Ana Pontón, e o deputado electo pola Coruña Xosé Luís Rivas, transmitiron ao comité de empresa de Ferroatlántica o total apoio do BNG para frear calquera especulación das minicentrais hidroeléctricas do Xallas que explota esta factoría en réxime de concesión, coa obriga de garantir o emprego.

Nun encontro cos representantes do cadro de persoal, Pontón explicou que a formación nacionalista vai pedir a comparecencia urxente do Goberno galego, -en concreto dos conselleiros de Industria e de Medioambiente-, para que aclaren en sede parlamentaria que ten previsto a Xunta para evitar movementos especulativos de compra-venda das minicentrais e, non menos importante, impedir que haxa ningún tipo de segregación entre a actividade industrial de Ferroatlántica e a explotación eléctrica do Xallas.

“Desde o BNG compartimos a preocupación dos e das traballadoras por tres razóns”, explicou Pontón, “porque pon en risco a viabilidade e futuro do emprego, porque desde o punto de vista legal a segregación das minicentrais da actividade industrial de Ferroatlántica non é posíbel, son unha unidade indivisible e, en terceiro lugar, porque implicaría unha burla que se especule con concesións públicas de recursos naturais que son de todos”.

Neste sentido, lembrou que o Parlamento aprobou por unanimidade unha iniciativa do BNG que recolle a imposibilidade da segregación, -como por outro lado ditaminou tamén o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG)-, entre actividade industrial e explotación eléctrica.

“Por iso consideramos incomprensible a posición tan morna que está a manter a Xunta ante as informacións que avanzan unha posible especulación con operacións de compra-venda das concesións que, mesmo podería ser un paso previo á segregación de Ferroatlántica”, denunciou.

A dirixente nacionalistas deixou claro que “non pode haber medidas tintas cando está en xogo o futuro de máis de 300 empregos directos, nunha comarca que precisa ata o último posto de traballo como é a Costa da Morte”, indicou.

Por iso, entre as primeiras iniciativas parlamentarias, o BNG vai esixir unha “posición clara” da Xunta a través das comparecencias dos concelleiros directamente implicados por área de responsabilidade de goberno, garantías da continuidade do emprego e tamén reclamará que a xestión das minicentrais se leve a cabo desde Galiza e non desde Madrid, como sucede na actualidade.