BNG esixe á Consellería de Educación que suprima o financiamento aos centros de ensino que segregan por sexo

Manu Lourenzo
Manu Lourenzo
Lourenzo denuncia que o Goberno do PP subvencionou con 20M€  “o ensino clasista, machista e ultraconservador dos seus amigos do Opus Dei”

O BNG demandoulle ao Executivo do PP que non renove os concertos cos centros educativos que segreguen ao alumnado por razón de sexo, centros que desde que Goberno o Partido Popular recibiron unha subvención pública de 20 millóns de euros.

O portavoz parlamentario de Educación, Manuel Lourenzo, acusou á Consellería de Educación de “impoñer o seu modelo ultraconservador” nas aulas, fronte ao que  defendeu un modelo de liberdade de ensino no que non teñan cabida “os prexuízos e a discriminación”. “Existe a liberdade de escoller ir a centros onde só podan entrar brancos? Existe a liberdade para que un centro decida non aceptar a alguén doutra etnia ou orixe? Por suposto que non”, argumentou na súa intervención en sede parlamentaria, acusando ao  Goberno  “de poñer a súa ideoloxía por riba da liberdade”.

O deputado do BNG denunciou que o PP “sempre gobernou para os seus amigos do Opus Dei”, de feito, foi o Executivo de Feixóo o que renovou en 2009 os concertos cos centros segregadores “de maneira fraudulenta, contra o establecido na LOE e cunha sentenza do Tribunal Supremo que di que estes concertos son ilegais”. Previamente, xa en 2005 fora o goberno de Fraga o que renovara eses concertos ata 2009.

Lourenzo reprobou que a Consellería de Educación financie un modelo segregador ao mesmo tempo que practica unha “política dos recortes” para minguar o gasto no ensino público igualitario. Por contra, non dedica “nin un só euro” ás políticas de igualdade no ensino  público pero “bate récords” cando financia un ensino privado que difunde “un modelo clasista e reaccionario que non cabe no século XXI”.

O ensino público “debe estar baseado na igualdade e, polo tanto, combater calquera tipo de discriminación” defendeu o portavoz de Educación, quen demandou ao departamento de Román Rodríguez que suprima todo tipo de concertos cos centros que separan ao alumnado por sexos.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG