Congreso

BNG emenda a totalidade o discurso de Feixóo por “hipócrita e falso” e por ignorar os problemas da Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego denuncia que non mencionase un só compromiso coa Galiza polo que fora durante 13 anos presidente da Xunta: “este é o respecto que lle merecen os problemas do noso País ao candidato do Partido Popular”

“Un discurso de cara á galería e destinado a consumo  interno do Partido Popular e carente da mínima credibilidade”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, emenda a totalidade do discurso de Feixóo e cualifícaa como unha intervención “cargada de mentiras e falsidades” e, sobre todo, con moi pouca credibilidade. Así mesmo, Rego critica a Feixóo por non asumir ningún compromiso coa Galiza, como si fixo co resto de Comunidades Autónomas e denuncia por “indigna” a infame declaración que, máis unha vez, fixo a respecto do uso da nosa lingua nesta cámara referíndose a iso como karaoke. Por último, a organización nacionalista sinala que o resultado dos 13 anos na Xunta demostraron que “non é nin é un bo xestor nin fai políticas para as maiorías sociais”.

Este é un discurso dunha investidura abocada o fracaso e, por tanto, que sabe que non vai ter que cumprir aquilo o que se comprometeu” sinala o deputado do BNG. Neste sentido, Néstor Rego exemplifica no feito durante a presidencia de Feixóo na Xunta de Galiza coa Atención Primaria: “non é críbel que fale agora de reforzala cando o que fixo foi deteriorar e precarizar a sanidade pública galega con vistas á súa privatización”.

Non é críbel, continúa Rego, que fale das competencias autonómicas “cando en 13 anos o balance do Goberno de Feixóo foron cero competencias reclamadas e cero transferencias asumidas”. Propostas tamén, como a suba das pensións, cando o Partido Popular conxelou as pensións co Goberno de M. Rajoy e mesmo falou de subir o Salario Mínimo Interprofesional cando o seu partido criticou as subas na pasada lexislatura.

Así mesmo, critica que durante o seu discurso Feixóo defendese a independencia das institucións “cando o Partido Popular leva bloqueando 5 anos a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial -e mesmo presumían de controlar a xustiza pola porta de atrás- ou cando os traballadores e traballadoras da CRTVG levan tamén cinco anos denunciando a manipulación dos medios públicos galegos ao servizo do Partido Popular”.

Cero propostas e compromisos coa Galiza

“O que máis nos sorprende é que non mencionase nin un só compromiso coa Galiza. Enumerou reivindicacións de todas as Comunidades Autónomas que asumiu como compromisos propios mais non o fixo coa Galiza e simplemente se molestou en dicir que as coñecía as daba por reiteradas. Este é o respecto que lle merecen os problemas do noso País ao candidato do Partido Popular que, ademais, foi Presidente da Xunta de Galiza durante 13 anos” critica o deputado do BNG. Anos, apunta Rego, en que “xa demostrou que non é nin bo xestor nin fai políticas para as maiorías sociais”.

Rego tamén denunciou “a infame declaración que, máis unha vez, Feixóo fixo a respecto do uso da nosa lingua nesta cámara referíndose a iso como karaoke. É unha indignidade que o perseguirá sempre”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG