parlamento galego

BNG denuncia que a Xunta pretende facilitar sen controis ambientais a Cidade Deportiva do Celta en Mos

Xuntanza BNG e  Comunidades Tameiga
Xuntanza BNG e Comunidades Tameiga

A fronte nacionalista rexistra unha iniciativa no Parlamento galego para esixir ao Goberno de Rueda unha avaliación completa dos impactos fronte á vía exprés aberta coa declaración do proxecto como de Interese Autonómico

Representantes institucionais do BNG, entre elas a portavoz nacional, Ana Pontón, mantiveron unha xuntanza coa comunidade de montes de Tameiga e coa plataforma 'A Auga é Vida'

Alexandra Fernández: “A estratexia do PP é kamikaze permitindo que determinados empresarios se salten trámites para facilitar macroproxectos como o do señor Mouriño”

O Bloque Nacionalista Galego denuncia que a Xunta de Galiza pretende facilitar a Cidade Deportiva do Celta en Mos sen realizar os controis ambientais necesarios. A fronte nacionalista vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento galego para esixir ao Goberno de Rueda unha avaliación completa dos impactos fronte á vía exprés aberta coa aprobación do proxecto como de Interese Autonómico.

“O Goberno galego decide que non é necesaria unha avaliación ambiental ordinaria porque  entenden que non vai ter afectación ningunha, cando son evidentes os graves impactos deste macroproxecto”, criticou a deputada nacionalista, Alexandra Fernández, que xunto á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e outros representantes institucionais do Bloque a nivel galego e local mantiveron unha xuntanza coa comunidade de montes de Tameiga e coa plataforma 'A Auga é Vida' afectadas polo proxecto.

Fernández reclamou “garantías” de que a Cidade Deportiva vai someterse aos mesmos controis ambientais que calquera outro proxecto destas dimensións. Cuestionou así a estratexia “cómplice e kamikaze” do PP de permitir que determinados empresarios se salten trámites. “A Xunta emprega a declaración de Interese Autonómico como unha vía legal para favorecer os intereses privados do señor Mouriño por diante do interese público e da oposición veciñal e sortear o marco normativo en favor de intereses amigos”, afeou.

Nese sentido, a deputada do BNG advertiu de que este “subterfuxio legal” abre a porta tamén para facilitar a expropiación de monte comunal, malia que o desenvolvemento inicial do proxecto xa foi declarado ilegal polo Xulgado de Pontevedra e logo ratificado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. “Esta decisión vai dar grandes facilidades legais coas que sortear a forte oposición veciñal que xera este proxecto e o seu difícil encaixe legal”, engadiu.

 

Entre as afectacións denunciadas polas propias comunidades, Fernández alertou do risco de contaminación e perda de capacidade das traídas de augas de Mos e do impacto sobre o propio abastecemento de Vigo, que vai incrementar a demanda de Eiras. Así, denunciou que nin tan sequera se presentaron os informes da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil nin do Consorcio de Augas do Louro pese a ser as principais entidades afectadas.

Con esta vía de urxencia, Fernández advertiu de que tampouco se están a ter en conta os impactos a nivel paisaxístico, sobre a masa forestal nin sobre os xacementos arqueolóxicos atopados malia o seu “alto valor” e singularidade. “É necesario parar esta tramitación exprés ao servizo de Mouriño e facer unha tramitación ordinaria, na que se avalíen os impactos do proxecto ao servizo do público”, remachou a deputada do BNG.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG