BNG denuncia a falta de pediatras no centro de saúde de Bueu como consecuencia dos recortes do Goberno do PP

Paulo Ríos
Paulo Ríos

Paulo Ríos: “A día de hoxe, o único que lles deron á veciñanza de Bueu son parches e un anuncio”

O BNG levou ao Pleno do Parlamento a situación da atención pediátrica en Bueu “que ten que soportar e sufrir o recorte de profesionais de de pediatría como consecuencia da falta de planificación, a precariedade laboral na atención primaria que afasta ás profesionais do noso sistema público de saúde”, denunciou o deputado moañés, Paulo Ríos.

“A día de hoxe, o que temos son parches e un anuncio”, reprobou Ríos ao conselleiro de Sanidade, García Comesaña. Estes “parches” viñeron en forma de prolongacións de xornada, “porque os seus recortes limitaron a atención pediátrica a unhas horas á semana, tendo que vir profesionais dende concellos veciños para atender ás crianzas de Bueu”, denunciou.

Doutra banda, “onte a prensa facíase eco da volta dunha das profesionais pediátricas de baixa”, declarou Ríos, “polo que lonxe de buscar solucións reais, a Xunta de Galiza continúa e non cubrir as necesidades sanitarias do Concello”, denunciou, fronte un conselleiro de Sanidade “que está xustificando futuros recortes en Bueu ao dicir que está por riba do cupo", criticou o deputado do Bloque, en alusións ás declaracións do titular de Sanidade, que xustificou as carencias aludindo a que a cobertura das prazas está garantida pola cobertura dos  e das profesionais doutros municipios.

“Ao igual que existen e deben existir as profesionais especializadas para tratar doenzas concretas, a saúde das crianzas deben ser atendidas por profesionais especializadas”, reclamou o parlamentario do BNG, que puxo o foco nas necesidades específicas da infancia que se ven desatendidas polos recortes que se aplican ao Sergas.

Ríos concluíu emprazando ao Goberno do PP a atender “ás crianzas de Bueu, porque precisan, de xeito inmediato, a reposición completa da súa atención pediátrica” e inquiriu a García Comesaña unha data concreta na que se recuperarán os servizos ao 100%, compromiso que non quixo aclarar e ao que non se comprometeu o titular popular de Sanidade, que xustificou a situación actual dos servizos de pediatría en Bueu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG