parlamento galego

BNG demanda á Xunta que se poña ao lado da Xustiza e non hipoteque o futuro ambiental de Mos co “pelotazo” do GS360

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández
A deputada Alexandra Fernández acusa ao Goberno do PP de facer todo o posible para legalizar o proxecto obviando os impactos negativos e os riscos que supón a Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360

A deputada do BNG Alexandra Fernández instou hoxe á Xunta do PP a poñerse ao lado da Xustiza para non “hipotecar” o futuro ambiental de Mos e a súa contorna obviando o impacto negativo e os riscos que supón o proxecto do Celta Galicia Sports 360, ao que se referiu como un “pelotazo urbanístico” do “empresario” Carlos Mouriño que non se limita a usos deportivos, senón tamén hoteleiros ou comerciais.

Alexandra Fernández defendeu na Comisión 2ª do Parlamento unha proposición non de lei, rexeitada polo PP, solicitando que a tramitación do Proxecto de Interese Autonómico Factoría do Deporte galego Galicia Sports 360 en Mos inclúa unha avaliación ambiental estratéxica ordinaria, “porque non se pode aceptar que nun proxecto destas dimensións a solución sexa mirar para outro lado, ou máis ben mirar só polos intereses económicos particulares”, denunciou.

Na súa intervención, recordou que o Tribunal Superior de Xustiza ditou unha sentencia contra a “construción ilegal” do proxecto impulsado por Mouriño, logo de ter recibido este informes negativos das direccións xerais de Calidade Ambiental e de Ordenación do Territorio por “inxustificado e lesivo”. Na sentencia, explicou, fálase de ilegalidade e de  “fragmentación fraudulenta” das obras.

Fernández acusou ao PP de “intentar legalizar como sexa” o proxecto dun “empresario amigo” en lugar de esixir o cumprimento da sentenza, tendo en conta que se construíron xa 3.000 metros cadrados sobre solo rústico. “Van poñer a funcionar toda a maquinaria lexislativa que veñen creando nos últimos anos para que os pelotazos urbanísticos sexan legais”, anticipou a deputada do BNG aludindo á cláusula de excepción incluída en todas as leis de ordenación territorial.

“Os PIA (proxectos de interese autonómico) son o instrumento que permite ao Consello da Xunta abrirlle unha canle legal a un grupo selecto de empresarios a depredar o territorio e os seus recursos e a conseguir lucrativos beneficios”, engadiu ao respecto. É a propia Xunta, apuntou, quen propón saltarse a vía ordinaria de tramitación e substituíla pola versión simplificada “evitando unha análise en profundidade dos impactos negativos que puidera ter ese proxecto”.

“Como pode ser que na primeira volta si se apreciase impacto negativo e desta se diga que non hai que avaliar o posible impacto porque non se prevé ningún?”, preguntouse Alexandra Fernández, para quen “mentres a Xunta decidiu traballar para intereses amigos non quedou ninguén velando polo interese público”.

A  deputada do Bloque asegurou que algunhas das eivas que máis preocupan teñen que ver coas augas ou co impacto paisaxístico do complexo. “Os veciños e veciñas de Mos pregúntanse quen lles garante a auga nas súas casos e nos seus regadíos” apuntou respecto do “impacto tremendo” nun concello no que o 25 % da poboación se abastece das traídas. “Sen avaliación ordinaria ninguén garante o impacto que vai ter na captación, cando a comarca de Vigo está sendo fortemente afectada pola seca e a escaseza da auga”, agregou.

Subliñou, no mesmo sentido, que un informe técnico encargado polas propias comunidades de augas alertan do grave impacto do proxecto, con risco de contaminación e perda de capacidade de recarga dos acuíferos.

Denunciou, por outra banda, a falta de avaliación en profundidade sobre os impactos a nivel paisaxístico e de mobilidade, ou sobre os xacementos arqueolóxicos atopados. “Nun dos montes que domina a Ría de Vigo e o Val da Louriña o impacto é tremendo”, considerou Alexandra Fernández, para quen hai que diferenciar claramente “o Clube do Celta como entidade deportiva coa súa afección e coa súa grande historia dos intereses empresariais particulares”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG