congreso

BNG demanda recuperar a totalidade dos servizos ferroviarios eliminados na Galiza durante a pandemia

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego defende, máis unha vez, a restitución de todos os servizos de media distancia, o incremento das frecuencias ferroviarias como unha aposta decidida pola sustentabilidade

A organización nacionalista exixe recuperar os trens hoteis nocturnos desde a Galiza cara Barcelona e Madrid e viceversa, servizos con alta demanda social na Galiza

O Bloque Nacionalista Galego rexistra novas iniciativas para que RENFE repoña todos os servizos ferroviarios suprimidos durante a pandemia que aínda continúan sen reactivar, como os trens nocturnos que conectaban a Galiza con Madrid e Catalunya. A organización nacionalista exixe apostar decididamente polo ferrocarril como medio de transporte sustentábel e incremente os servizos de media distancia na Galiza, a destacar a conexión Vigo (Guíxar)-Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Santiago e mesmo a conexión entre Lugo e A Coruña ou Ourense.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra novas iniciativas para a restitución da totalidade dos servizos ferroviarios suprimidos durante a pandemia. Unha folla de ruta defendida tamén durante a pasada lexislatura e que reafirma o compromiso da organización nacionalista para o desenvolvemento dunha política de mobilidade e transporte “máis verde, eficiente e sustentábel”. Demandas que, ademais de seren formuladas polo BNG, tamén son reclamacións de asociacións do ferrocarril de media distancia, de usuarios e usuarias, etc.

Ampliar a oferta de media distancia que permita vertebrar a Galiza

“Cada vez que se abre o debate, o Ministerio alega a existencia “alternativa” das conexións diúrnas de AVE e Alvia cando estamos a falar de servizos cunhas características diferentes” recrimina o deputado do BNG no Congreso. De facto, segundo explica Rego, “non todo pode ser AVE, existe tamén o tren convencional que convén impulsar e recuperar, especialmente nun contexto de aposta pola sustentabilidade. Dous ámbitos ferroviarios distintos e non son excluíntes”.

Neste sentido, engade Néstor Rego, RENFE debe incrementar as frecuencias na conexión Vigo (Guíxar)-Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Santiago, así como as conexións entre Lugo e A Coruña e, do mesmo xeito, as frecuencias nas conexións de media distancia en Ourense.

Recuperar os trens nocturnos ante a alta demanda social

Na Galiza había catro traxectos de Tren-hotel que unían a Galiza con Barcelona e Madrid, Portugal e Francia. “A falta de interese do Ministerio por recuperar estes servizos demostra que se aproveitou o confinamento para eliminar estas conexións de xeito definitivo. No caso dos trens nocturnos é evidente” afirma Rego. 

 “Os trens hoteis non só eran empregados para que as persoas puidesen facer viaxes de longa distancia senón que tamén eran usados nas paradas intermedias que se trasladaban entre poboacións e cidades con paradas” apunta o deputado do BNG. Exemplifica, así, nos habitantes da comarca de Quiroga ou Lemos que empregaban este servizo para viaxar a Barcelona, por ser comarcas cunha forte relación con Catalunya debido á emigración, e tamén para desprazarse a outras vilas e cidades dentro da Galiza.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG