parlamento galego

BNG demanda o pago de indemnización polos efectos adversos da vacinación contra a lingua azul

Xosé Luís Rivas Mini
Xosé Luís Rivas Mini
Xosé Luís Rivas destacou entre os efectos, un alto número de  abortos, morte perinatal, partos prematuros, apatía, postración e febre e nalgunhas ocasións, diminución da produción láctea

O portavoz de gandaría do BNG, Xosé luís Rivas demandou o pago de indemnizacións polos efectos adversos tras a campaña de vacinación contra a lingua azul e avanzou que o BNG “permanecera vixiante a que se cumpra o abono correspondente” polas consecuencias económicas que deben soportar as explotacións.

Na defensa da proposición non de lei, o nacionalista explicou que o  17-02-2023 foi detectado, de maneira oficial por parte dos servizos veterinarios da Xunta,  o serotipo 4 do virus da lingua azul  en catro explotacións “centinela”  de bovino,  nos concellos de Fornelos de Montes, As Neves, Pontevedra e Sarreaus ao que sumou Caldelas en Ourense.

Trátase, explicou,  dunha doenza vírica que se transmite por medio de mosquitos  do xénero culicoides e que afecta a “ruminantes de diferentes especies” sobre todo,  vacas, ovellas e cabras.

Esta  doenza de tipo vírico, afirmou  “non reviste perigo de zoonose” e , “non se  transmite aos  humanos  por contacto con animais afectados nin por consumo de carne ou leite”

No momento de seren detectada a enfermidade nas  explotacións centinelas  no mes de febreiro,  non existía a posibilidade de transmisión polo que se deduce que a infastación foi previa ó mes de novembro pasado, mantendo o virus sen manifestar enfermidade.

Tras saltar as alarmas o pasado 7 de mes de marzo,  foi iniciada a campaña de “vacinación gratuíta e obrigatoria” para gando bovino e ovino nas provincias de Ourense e Pontevedra e nas comarcas de Sarria, Chantada, e terra de Lemos e Quiroga en Lugo. No  gando bovino, explicou o deputado do BNG,  a vacinación faise en dúas doses cun período intermedio de 21 días e a obrigatoriedade de vacinación afecta a animais bovinos e ovinos de máis de 4 meses, os de menor idade procederán de nais vacinadas para a súa mobilidade. Por outra parte, os xatos de cebo deberán estar inmobilizados  na explotación cando menos, o tempo entre as doses.

Efectos adversos tras a vacinación

Na anterior  campaña de vacinación, engadiu Xosé Luís Rivas, (Mini),  observouse  un bo número de “reaccións adversas á vacinación”, tanto en ovino coma en bovino con “mortes e  abortos en ocasións tardíos”. Nesta campaña, descoñecemos se tamén se producirán estas incidencias e para previr males maiores, dixo, e necesario, ademais do seguimento, “compensacións polos prexuízos causados aos gandeiros pola inmobilización de animais e a súa prohibición para a compra e venda”.

Rivas destacou  entre os efectos secundarios da vacina: alteracións reprodutivas, postración, febre, cegueira, conxestión pulmonar, disnea  ou hiperventilación e a morte do animal. Por Real Decreto cando se dan estas circunstancias existen indemnizacións por “mortes provocadas pola enfermidade e polas actuacións de control obrigatorias  o que inclúe abortos” ao que sumou tamén  os efectos adversos derivados do “manexo no proceso de vacinación, principalmente no gando extensivo polas mangas e o estres”.

O deputado rematou a súa intervención indicando que ademais do seguimento da campaña de vacinación, deben ser aboadas  as indemnizacións polas incidencias  que repercuten negativamente na economía dos gandeiros e gandeiras e avanzou que o BNG “permanecerá vixiante ao pago das compensacións económicas correspondentes”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG