parlamento galego

BNG demanda o incremento do número de xulgados en Galiza e a renovación “inmediata” do Consello Xeral do Poder Xudicial

Iago Tabarés
Iago Tabarés

Iago Tabarés criticou a concentración xudicial prevista polo goberno central que “desatende partidos pequenos como os do rural galego”, algo que tamén afecta aos xulgados específicos de violencia contra as mulleres

O BNG presentou no Parlamento unha moción para instar ao goberno central a aumentar o número de xulgados en Galiza, é dicir, a súa planta xudicial, fronte ao peche e concentración destes que afecta negativamente ao rural.

O portavoz de Xustiza, Iago Tabarés, cualificou de “decepción” a postura dun Goberno do PP na Xunta incapaz de esixirlle ao goberno central “máis facultades” na xestión da administración de Xustiza en Galiza, xa que no nova lexislación de planta xudicial que promove o actual goberno do Estado a Xunta “actúa só como mera audiencia”, recriminou, “porque non se manifestou a favor dunha xustiza de proximidade, esencial no rural galego, nin na cantidade de xulgados a crear”; agravios que describiu como “demolición da xustiza de proximidade”.

Uns intentos “de centralización da Xustiza” promovidos dende Madrid “que se remontan aos tempos do señor Gallardón como ministro de Xustiza do Partido Popular”, recriminou Tabarés, que criticou o espírito dunha Lei de Eficiencia Organizativa  “que vai debilitar o dereito á tutela xudicial efectiva, que priva de servizos á poboación rural”, criticou, xa que, a pesar de manter os partidos xudiciais pequenos, “permite que estes poidan ser atendidos dende outros”, polo que, de facto, os partidos de poboacións pequenas serán atendidos nos grandes núcleos de poboación. “Isto non lle afecta a Coruña, Ourense ou Santiago, pero si a Bande, Celanova ou Sarria”, argumentou.

“En Galiza non se crean os xulgados que son necesarios”, reprobou o portavoz de Xustiza, , que incidiu no feito de que, como consecuencia da desatención do goberno central ás necesidades e demandas da Xustiza en Galiza “a día de hoxe existen máis asuntos pendentes nos tribunais galegos ca en 2009, a pesar de que a entrada de asuntos é moi inferior”, argumentou. Isto, enfatizou, “afecta a partidos como Viveiro, Carballo, Vilagarcía ou Sada, partidos xudiciais que o PP non quere que existan, que os cualifica de innecesarios”, denunciou, o que recunca “nunha desatención dos xulgados destas vilas dende hai catorce anos”, criticou.

A esta situación súmaselle a de xulgados “que levan anos precisando novas unidades xudiciais, con reforzos dende hai cinco anos para evitar o colapso dos xuíces”, explicou, o que describe “unha necesidade estrutural que temos en Galiza e que é obviada polo goberno do Estado”, tampouco baixo a responsabilidade dos Populares na etapa de Mariano Rajoy, “porque en todos aqueles anos de goberno en Madrid, vostedes non crearon nin un xulgado en Galiza”, reprobou á bancada dos Populares.

“Pedímoslle ao Goberno do PP en Galiza e ao central, alomenos, criterio, porque non ten ningún sentido que propoñan a creación dun xulgado específico para a violencia de xénero en Santiago e xuntar os de Ribeira e arredores, que sentido ten?”, inquiriu o parlamentario , que recalcou “o nulo beneficio” que esta concentración xudicial supón para as afectadas por violencia de xénero que viven e traballan neste medio.

“As carencias en materia de unidades xudiciais no eido da violencia machista ou da violencia de familia vénse agravadas pola escaseza de persoal e recursos do IMELGA”, reprobou Tabarés, xa que estas eivas “provocan extraordinarias demoras na emisión dos seus informes e, polo tanto, na resolución dos procedementos”, denunciou.

Fronte a “política centralista” promovida dende o goberno central con esta nova lexislación, o deputado do Bloque impeleu ao Parlamento ao seu voto unánime para que Galiza consiga competencias na xestión da súa administración xudicial e, en concreto, demandou a creación de 15 novos xulgados “que palíen a desatención da planta xudicial galega durante toda a década pasada”, emprazou, “queremos ter facultades decisorias na proximidade xudicial para os galegos e galegas”.Unhas apelacións que foron tombadas co único voto en contra do Partido Popular.

Renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial

Ademais,  moción presentada polo BNG  tamén recolle a urxencia para a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial, algo que tamén demanda a Unión Europea, “queremos que se desbloquee isto, porque ten graves consecuencias para Galiza”, emprazou o portavoz de Xustiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG