BNG demanda equiparar as axudas á produción de carne e de leite

Néstor Rego
Néstor Rego

“É preciso ademais que se garanta o cumprimento do contido da Lei da Cadea Alimentaria, asegurando que os produtores non se vexan obrigados a vender por baixo do custo de produción” reivindica Rego

O deputado do BNG rexistra iniciativas reclamando ao Ministerio que modifique o borrador presentado pois ofrece contías “claramente insuficientes e discriminatorias”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que o Goberno do Estado incremente as axudas destinadas aos produtores de carne para, cando menos, equiparalas ás xa concedidas a outros sectores agrarios como o dos produtores de leite. Alén do máis, reclama asegurar o cumprimento efectivo da Lei da cadea alimentaria e evitar a venda por baixo dos custos de produción permitindo estabelecer custos de referencia.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación someteu a información pública o borrador de Real Decreto que regulará a concesión de axudas excepcionais para determinados sectores agrícolas e gandeiros, debido á grave situación polo incremento de prezos. Este RD estabelecerá axudas destinadas aos produtores de vacún de carne, ovino e caprino de carne, carne avícola, coellos e produtores cítricos.

Mais as contías reflectidas neste borrador, a organización nacionalista entende que son “claramente insuficientes e discriminatorias” en comparación coas xa fixadas para outros sectores como é o caso do sector lácteo. “No caso dos produtores de carne, os topes de axudas para facer frente ao incremento de custos de produción quedan fixados en: 60 € por vaca, 15 por tenreiro até un máximo de 125 vacas e 520 becerros; cabras e ovellas, 7 euros por un máximo de 800 animais e para as explotacións de pitos e coellos proponse unha cantidade variábel de entre 600 a 5.160 euros en función da capacidade da granxa” lembra o deputado do BNG.

Estas contías chaman a atención se se comparan coas axudas estabelecidas polo mesmo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para os produtores de leite, en compensación polo incremento de custos provocados polo aumento do prezo da electricidade, os pensos de alimentación animal e os combustíbeis, polo Real Decreto-lei 6/2022, do 29 de marzo, no que se fixa que a axuda será de 210 euros por vaca ata un máximo de 40 animais por beneficiario, 140 euros por vaca para os animais por beneficiario comprendidos nun número adicional entre 41 e 180 e 100 euros por vaca para os animais por beneficiario comprendidos nun número adicional superior a 180.

“Apréciase unha diferenza de trato entre un e outro sector que non pode xustificarse, por tanto é necesario que o Goberno do Estado, e máis concretamente o Ministerio de Agricultura, rectifique o contido do borrador feito público e incremente as axudas previstas para, cando menos, equiparalas ás concedidas ao sector lácteo” reivindica Rego. O deputado do BNG explica que, desde o sector e os distintos sindicatos, agrarios consideran que esta discriminación “é incomprensíbel e destacan que neste momento as explotacións de produción de carne son as que máis perdas acumulan despois das medidas adoptadas para facer fronte á pandemia que supuxo o peche da hostalería durante meses, aos que se suma agora o incremento de custos”.

Con todo, apunta Rego, o verdadeiramente importante para todo o sector agrario, e que suporía unha grande diferencia, é garantir “o cumprimento efectivo da Lei da Cadea Alimentaria, asegurando que os produtores non vendan por baixo do custo de produción”, para iso é necesario introducir a posibilidade de fixar o prezo atendendo a custos de produción de referencia, como poden ser os estabelecidos nos estudos que realizan os observatorios dos diferentes territorios ou as universidades nesta materia.
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG