BNG demanda dignificar a asistencia xurídica gratuíta

Iago Tabarés
Iago Tabarés
Iago Tabarés afirmou que as demandas do colectivo, recollidas na iniciativa do BNG, buscan mellorar un servizo esencial en defensa da igualdade e dos  dereitos laborais básicos dos profesionais

A través dunha proposición non de lei, o deputado do BNG, Iago Tabarés demandou “dignificar a asistencia xurídica gratuíta” co impulso dun servizo de orientación para persoas vulnerables ou sen recursos e divulgar as quendas de oficio ao que sumou “o pago das actuacións profesionais, realizadas por designación efectuada, aínda que posteriormente sexa denegada a xustiza gratuíta”.

Na defensa da iniciativa, o nacionalista explicou que a quenda de oficio e a xustiza gratuíta “é unha obriga” derivada de acordos internacionais e da Unión europea  para “garantir a protección e defensa dos dereitos e liberdades de todas as persoas”. Un servizo, dixo, que as administracións publicas organizan a través das corporación de dereito público, colexios profesionais de avogacía e procuraduría, e que prestan de xeito voluntario profesionais, na súa meirande parte autónomas, que reclaman a mellora das condicións desta prestación. Na actualidade, afirmou o nacionalista, “ o sistema descansa esencialmente no compromiso social e profesional dos avogados e avogadas”.

Por outra parte, o deputado indicou, que Xunta de Galiza “non prevé a prestación dun servizo de asesoramento e orientación xurídica”, agás para os casos de ocupación, das que en todo o 2022 só se produciron en Galiza, 100 demandas.

A esta situación, engadiu  que  tampouco está garantida  a cobertura de accidentes na actuación profesional, abono  de custes de desprazamentos ou actuacións profesionais, entre os que destacou os  recursos ou pezas separadas, “imprescindibles” para o exercicio nas accións xudiciais.

Compensacións económicas inferiores ás fixadas polo mercado

Tabarés lembrou  que as compensacións económicas “son inferiores ao prezo do mercado” e inferiores ás marcadas no ano 2017 e as indemnización por traballos profesionais realizados na quenda de oficio tampouco son abonadas  cando é denegado o beneficio da xustiza gratuíta.

Urxe, recalcou o nacionalista, incrementar a valoración profesional e económica  deste servizo esencial para garantir os dereitos de todas as persoas así como  “o recoñecemento ” dos e das profesionais deste ámbito. Pero a realidade ,  “é que a Xunta de Galiza é das comunidades do Estado que menos inviste en xustiza gratuíta por habitante”, e  polo tanto, urxe a revisión dos conceptos contidos nos baremos e a actualización das compensacións porque existen numerosas omisións no baremo que deben ser corrixidas. “A Xunta debe solucionar os desaxustes actuais e actualizar as compensacións económicas aos  profesionais da quenda de oficio”.

Tras a intervención do portavoz popular, Alberto Pazos Couñago  que negou a realidade descrita polo nacionalista e mesmo asegurou que Galiza é a comunidade con mellores remuneracións na quenda de oficio, o deputado do BNG reiterou que as reclamacións dos profesionais “son lexitimas” e están avaladas polos colexios de avogados.

Finalmente, Iago Tabarés volveu a reclamar a revisión e actualización das compensacións económicas, contar cun seguro de accidente, o pago por desprazamento e o servizos que na actualidade non son aboados.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG