parlamento galego

BNG defende a taxa turística proposta por Santiago para promover un turismo máis sostible e frear a ‘xentrificación’

Daniel Pérez
Daniel Pérez

Daniel Pérez empraza á Xunta a abandonar o xacobeocentrismo e a apostar pola desestacionalización para evitar a proliferación de “vilas pantasma”

“O actual modelo xera un problema importante para as comunidades locais das zonas onde a afluencia de visitantes é alta”, advirte o deputado

O deputado do BNG Daniel Pérez defendeu hoxe na Comisión 6ª do Parlamento a implantación da taxa turística proposta por Santiago como unha das ferramentas a implantar para promover un novo modelo turístico máis sostible e competitivo que deixe atrás a xentrificación das zonas con maior tensión pola afluencia de visitantes.

“O modelo turístico do PP xera un problema importante para as comunidades locais das zonas onde a afluencia de visitantes é alta”, advertiu o deputado do Bloque durante a súa intervención para preguntar pola valoración que a Xunta fai do tributo sobre estancias turísticas que quere implantar o Concello compostelá e que, dixo, “está lexitimado polos maiores custos de prestación de servizos, como a limpeza de espazos públicos, o mantemento de estradas ou o saneamento”.

Trátase ademais, expuxo, dunha figura fiscal que axudaría a promover a sostibilidade turística, a desestacionalización e profesionalización do sector, a mellora da calidade do emprego ou a conservación medioambiental. Unha ferramenta, en resumo, cunha “gran potencialidade recadadora mais cunha finalidade de promoción do turismo sostible”, alegou.

Daniel Pérez emprazou ao Goberno do PP a mudar o actual modelo de turismo, deixando atrás o “xacobeocentrismo” e apostando por outro modelo diversificado, máis distributivo e xusto que poña en valor a potencialidade do conxunto do territorio do País no paisaxístico, no ámbito cultural e patrimonial e mesmo no gastronómico.

O deputado nacionalista referiuse á xentrificación como unha das consecuencias que está tendo o turismo low cost impulsado polo PP, un fenómeno que afecta xa á capital de Galiza pero que se está a notar tamén na zona costeira de Pontevedra, na Costa da Morte ou na Mariña, apuntou. “Sen poboación local, as vilas e cidades rematarán por converterse en meros decorados, carentes de alma”, dixo, advertindo dos problemas que isto xera entre a poboación local á hora de atopar vivenda. “E isto provoca que cada vez máis vilas se convertan en vilas pantasma, baleiras no inverno e só dinámicas nos meses de verán”, engadiu.

Outras das “debilidades” amosadas polo actual modelo turístico son a “estacionalidade” e a “necesidade de profesionalización” do sector, argumentou tamén Daniel Pérez para reclamar cambios nas políticas do PP, ao que acusou de medir só o éxito do seu modelo na cantidade de visitantes, “unha teima claramente interesada e propagandística á que recorre unha e outra vez o Goberno galego e o seu presidente pero que tamén fai augas”, afirmou.

Referiuse, neste sentido, aos últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE), segundo os que a cifra de viaxeiros e viaxeiras baixou en xullo nun 3,5 % respecto ao mesmo mes de 2022. “E mentres aquí baixa, no Estado aumenta nun 2%”, manifestou Daniel Pérez, subliñando ademais que na Galiza o número de viaxeiros reduciuse en todo tipo de establecementos agás nos apartamentos turísticos, nos que a ocupación medrou un 13 % (no resto do Estado baixou  un 2,5%).

“A diverxencia coa tendencia estatal en xullo debería facer que o Goberno galego non amosase tanto triunfalismo”, declarou o deputado do Bloque nunha intervención na que lamentou a falta de concreción do director da Axencia de Turismo de Galiza, Xosé Manuel Merelles, respecto do tributo sobre estancias turísticas proposto por Santiago. “O Goberno do PP mantén unha posición sectaria que ten que ver coas cores políticas de que goberna agora no Concello de Santiago”, censurou, insistindo en que a taxa en ningún caso vai facer que os turistas deixen de visitar Compostela e, pola contra, axudaría a loitar contra a masificación.
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG