parlamento galego

BNG cualifica de “insulto” para o sector agrogandeiro a Lei de calidade alimentaria do PP

Xosé Luís Rivas Mini
Xosé Luís Rivas Mini

Xosé Luís Rivas afirmou que o  texto pretende  regular “o que non existe” e reclama  elaborar unha lei que “substitúa o abandono do medio rural por un modelo que impulse a vida, a actividade económica e o  futuro”

Reclamou un novo texto  para recuperar a superficie agraria  útil, fixar poboación e rematar coas prácticas desleais na produción e comercialización de alimentos

O portavoz de Agricultura e Gandaría do BNG, Xosé Luís Rivas defendeu unha emenda á totalidade para a devolución da lei de calidade alimentaria de Galiza presentada polo Partido popular por considerar que o texto pretende “regular o que non existe” e só busca propaganda e titulares pero non  resolver os graves problemas do sector agrogandeiro.

Tras a votación favorable do Partido popular, a proposta de lei continúa o trámite parlamentario até a súa aprobación.

Na súa intervención, Rivas explicou que resulta “un esperpento” que a exposición de motivos do proxecto de lei se refira a  un país cunha “agrogandaría vizosa, con variados e surtidos cultivos, coa sostibilidade como alicerce  e  fixación de poboación coma norma” porque a realidade é que vivimos “nunha nación do Estado  que aporta o 41% da produción láctea,  posúe os mil microclimas benignos aptos para a agrogandaría, cun territorio sucado por milleiros de cursos de auga, que mesmo  chegou a ter 900.000 has cultivadas, das que   337.000 correspondían a cereal en grao” pero hoxe, pasamos  das 600.000 abandonadas, con só 32.000 dedicadas a cereal en grao e que importa para soster a alimentación animal, tanto láctea coma de carne, arredor de 3 millóns de Tm, dese insumo.                   

No debate de toma de consideración da lei, o deputado do BNG  replicou ao conselleiro de Medio Rural, José González “o desleixo” dos gobernos do Partido popular para promover e executar os cambios necesarios e facer cumprir a norma anterior así como adecuar a mesma a novas normativas.

Rivas lembrou que a calidade alimentaria galega actual provén de miles de quilómetros con combustibles fósiles engadidos e podemos atopar  xouba do Mediterráneo procedente de Grecia a 1.80 euros/kg que non pagou o combustible do barco que a pescou. A nós, dende o BNG, dixo, preocúpanos o autoabastecemento alimentario e por iso sempre apostaremos pola “soberanía alimentaria”. Nesta liña, defendeu medidas urxentes para reverter a  situación de dependencia alimentaria entre as que destacou: unha reforma agraria adaptada ás necesidades actuais do agro galego non centrado na propiedade senón nos usos e na mobilización produtiva das superficies, que reduza o abandono, promova a produtividade da terra e serva como medida de prevención de incendios forestais.

Ademais,  asegurou que urxe a ordenación de usos do solo, que delimite o espazo que deben ocupar as terras de vocación forestal e as que deben reservarse para un aproveitamento agro-gandeiro  que permita compatibilizar as demandas da poboación para eses territorios de tipo ambiental, residencial ou turístico coas funcións tradicionais de produción.

O nacionalista tamén apelou a reorientar os sistemas produtivos das explotacións gandeiras cara  modelos máis baseados nos recursos forraxeiros e menos dependentes das compras de alimentos para o gando.

Galiza, engadiu Rivas,  continúa a ser unha realidade produtiva con sectores moi potentes  coma o lácteo e o vitivinícola que conviven con agricultura e gandaría en “autoconsumo de xentes que aínda resisten no rural” pero esta modalidade é considerada coma residual nas políticas do PP no goberno, criticou.

Os produtores e produtoras do noso País, teñen mil atrancos para comercializar os seus excedentes. Faltan Centros Comarcais de Apoio á Transformación e Comercialización Alimentaria  e unha “estratexia  da granxa á mesa e mercados de proximidade” porque os mercados locais, explicou Rivas,  están en declive e sen apoio das administracións. Os produtos locais deben de estar presenten  nos comedores escolares, residencias de maiores,  comedores públicos, na restauración, nos supermercados e nos  mercados.

“Nada disto se aborda en serio  neste proxecto de lei” e si visitamos calquera supermercado, “máis do 80% dos alimentos frescos ou transformados proceden da lonxanía” e a poboación está a alimentarse de produtos de dubidosa calidade.

Ao seu xuízo,  a lei de calidade alimentaria debe asegurar a calidade dos produtos alimentarios obtidos e comercializados nos territorio destacando a “lealdade das transaccións comerciais e dereitos dos produtores agrarios, operadores económicos, profesionais do sector e persoas consumidoras”.

Finalmente, o nacionalista preguntou por que se excluíron das axudas as explotacións de menos de dez vacas nutrices? “Seica non teñen calidade diferenciada ?” E a pataca da Limia ?  Que relevo xeracional ten a produción da faba de Lourenzá a dez anos como non sexa  a mans dun fondo de inversión calquera ou dunha agroindustria que envase faba procedente, poñamos por caso de Polonia?

¿Como se xustifica a perda de 324 granxas lácteas no primeiro semestre de 2023 sobre un total de 6.000? Ula a produción de trigo do país que sustente o pan galego ? E que se fixo para divulgar as excelencias dentro de Galicia ? Todas estas cuestións, dixo, deben ter resposta no texto lexislativo da Calidade alimentaria de Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG