O BNG critica o veto do PP a incluír na comisión de investigación das caixas a estafa do Pastor

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas: “Nunha estafa ou se está c@s estafadas ou cos estafadores”

O BNG critica o veto do PP a incluír na comisión de investigación das caixas a estafa do Pastor

A portavoz parlamentaria de Economía, Noa Presas, criticou o veto do PP á proposta do Bloque para que a Comisión das caixas de aforro aberta na Cámara ampliase o seu obxecto de investigación para incluír a estafa do Banco Pastor, que deu a puntilla ao sistema financeiro galego e deixa miles de galegos e galegas estafadas. 

“Nunha estafa ou se está cos e coas estafadas ou se está cos estafadores”, salientou Presas tras coñecer o voto en contra do PP á proposta nacionalista. O BNG defendeu unha investigación no Parlamento galego despois de que tivesen fallado todos os controis a nivel estatal.

“Esta estafa é o final dunha cadea de decisións políticas e na supervisión”, explicou Presas, “os gobernos galegos e estatal, así como os organismos reguladores tiveron unha importante responsabilidade na caída do Banco Pastor”, e neste contexto, “non cabe dicirlle aos supervisores que se supervisen, sería como se alguén copia nun exame e deixamos que se vixíe a si mesmo”, argumentou.

Fallou o control do Banco de España, da CNMV, da empresas auditoras, e dos gobernos central e galego,- denunciou-, “e da noite para a mañá precipitouse unha entidade que viña de superar os test de estres europeos e avalada polo Banco de España”, indicou.

Como consecuencia, Galiza perde unha entidade propia e centenaria, miles de persoas, incluídos traballadores e traballadoras, estafadas, centos de empregos na picota e unha oferta bancaria canda vez máis centralizada e concentrada.

“Neste contexto era necesario investigar as causas e consecuencias para o noso país deste proceso, debémosllo a todas as xeracións que o pagarán, investigar o impacto da progresiva concentración e centralización e as súas negativas consecuencias para Galiza”, concluíu Presas.