parlamento galego

BNG critica a nova Lei de Igualdade porque é conformista e non amosa vontade real de avanzar nos dereitos das mulleres

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas defendeu 87 emendas para loitar contra a desigualdade económica, blindar dereitos sexuais e reprodutivos e mellorar na conciliación e políticas públicas

Considera a norma unha “suma de declaracións de intencións”  feita “de cara á galería” e “sen vontade real de dar o salto cualitativo” que demanda o feminismo

A deputada do BNG Noa Presas considerou que a nova Lei de Igualdade de Mulleres e Homes de Galiza é só unha “suma de declaracións de intencións” e unha norma “conformista” coa que o Goberno do PP na Xunta non amosa “vontade real de dar o salto cualitativo” que demanda o feminismo para avanzar nos dereitos e mellorar a vida das mulleres.

Presas foi a encargada de defender no Pleno do Parlamento as 83 emendas presentadas ao proxecto de lei polo BNG, emendas pensadas para un País “que emprega o autogoberno para pisar o acelerador da igualdade”, con novos instrumentos, novas medidas e novos ámbitos de actuación que foron vetados polo PP, lamentou.

Baixo a premisa de “lexislar para avanzar”, o BNG presentou propostas para loitar contra a desigualdade económica, blindar dereitos sexuais e reprodutivos e avanzar na conciliación e nas políticas públicas “máis alá dos titulares”. Mais en concreto, pediu a creación dunha Valedoría da Igualdade para actuar no ámbito laboral e loitar contra a fenda salarial, un Instituto Galego das Mulleres que fortaleza as políticas de igualdade e a súa transversalidade, unha rede pública de centros de atención á saúde sexual, máis igualdade na educación, ou ampliar os recursos (máis prazas en escolas infantís, atención domiciliaria ou centros de día)  para garantir o dereito á conciliación e promover a corresponsabilidade.

Unha oficina virtual de denuncia da violencia dixital, unha liña de axudas para a contratación de persoal durante os permisos de maternidade e paternidade das persoas autónomas, reforzar os Centros de Información ás Mulleres ou plans de ensino para avanzar na igualdade son outras das melloras que o BNG, que se abstivo na votación, reclamou para a nova lei.

Todas propostas presentadas para facer unha norma “á altura da Galiza que vén, unha Galiza que pide paso e que ten presa”.  “Presentamos propostas que poden mellorar a vida das mulleres e acelerar o camiño á igualdade”, sintetizou Noa Presas, fronte ao “conformismo e a declaración de intencións” que supón a lei aprobada só cos votos a favor dos deputados e as deputadas populares, a quen advertiu de que nun contexto no que a “ofensiva patriarcal está impregnando todo tipo de institucións e discursos, non é suficiente con que non se introduzan recortes ou retrocesos que se están abrazando no noso contorno político”. “Non avanzar significa retroceder”, sostivo.

A deputada nacionalista defendeu a abstención na votación da nova lei porque, explicou, nin vai ser eficaz para loitar contra a fenda salarial que “aínda que é ilegal desde hai décadas, é hoxe de máis de 4.000 euros” nin tampouco para combater a homofobia ou que as mulleres lesbianas “non sexan dobremente discriminadas”. Tampouco será unha lei eficaz, agregou para axudar ás mulleres cos traballos máis precarizados, para blindar o dereito ao aborto na sanidade pública ou para evitar que a maternidade supoña o principal elemento de discriminación das mulleres. Un lei, dixo tamén, que nin axudará a corresponsabilidade nin aborda a feminización da pobreza.

“Non hai no articulado resposta nin os problemas estruturais de sempre nin aos agravantes conxunturais de hoxe”, apuntou durante a súa intervención no Pleno Noa Presas, para quen no actual contexto “precisamos máis feminismo e máis eficacia”, posto que malia os “pasos de xigante” que se teñen dado, “aínda somos tremendamente desiguais”.

Presas insistiu na necesidade de avanzar na igualdade real entre homes e mulleres nun momento no que se está a vivir “un choque entre o avance do feminismo na conquista da hexemonía social e a reacción salvaxe dun patriarcado rearmado que nos quere levar á caverna, que banaliza a desigualdade e mesmo nega que as mulleres somos asasinadas polo mero feito de ser mulleres”.

A deputada do BNG explicou, por outra banda, que das 17 emendas do BNG aceptadas e as nove transaccionadas, unha foi de corrección terminolóxica e tres de supresión para a aceptación doutras tres. Malia “timidísimos compromisos” como o de impulsar medidas concretas contra a discriminación das mulleres xitanas e etnias minoritarias, “queda un texto igual de insuficiente que o que entrou no Parlamento”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG