O BNG continúa en Compostela a campaña en contra da subida das peaxes e pola transferencia da AP-9

Contra a estafa da AP-9
Contra a estafa da AP-9

Rubén Cela alerta da caída do investimento para o orbital e das infraestruturas básicas para Santiago “que non están na axenda de Fomento”

O BNG continúa en Compostela a campaña en contra da subida das peaxes e pola transferencia da AP-9

O BNG prosigue coa súa campaña institucional e na rúa en contra da subida das peaxes da AP-9 e en demanda da transferencia da xestión desta autoestrada a Galiza, hoxe cun acto de protesta simbólico aproveitando a presenza do presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, na inauguración das obras de ampliación en Santiago de Compostela, acto de protesta similar ao de fai uns días na apertura da ampliación da Ponte de Rande.

O Bloque, como anunciara a portavoz nacional, Ana Pontón, na presentación desta campaña en Pontevedra con alcaldes, alcaldesas e cargos municipais “nin tira a toalla, nin está disposto a cruzarse de brazos” ante o “vergoñento” veto á transferencia,  nin ante a nova subida das tarifas dunhas peaxes que constitúen unha “estafa legalizada”, e que figuran entre as máis caras do Estado nun país á cola en canto a nivel salarial, lastrando a economía de miles de familias e afectando á competitividade das PEMES.

Dentro desta campaña, o BNG ten presentado un recurso ante o Tribunal Constitucional polo veto do Congreso ao debate da Lei de transferencia da AP9, e no vindeiro pleno presentará unha proposta para investigar os convenios asinados entre o Ministerio de Fomento e AUDASA en 2011 e en 2013, nos que se ampara a concesionaria para levar a cabo as subidas extraordinarias das tarifas. Igualmente, pedirá investigar as condicións laborais totalmente abusivas en que se levaron a cabo as últimas obras de ampliación, que mesmo teñen causado unha vítima mortal.

ap9 004Para levar a cabo esa solicitude de investigación a formación nacionalista recabará o apoio das outras forzas políticas da oposición, investigación que pode ser a través dunha comisión parlamentaria ou a través da realización dunha auditoría, ou mesmo a través da comisión bilateral da AP9 Fomento-Xunta.

No acto de protesta levado a cabo hoxe en Santiago o portavoz municipal e membro da Executiva nacional, Rubén Cela, alertou contra a caída do investimento inicialmente anunciado para a realización das obras do orbital, tendo en conta que dos 45 millóns de euros que se computaban a cifra que se baralla agora é de 27 millóns de euros.

“É unha redución moi significativa para unha obra clave para a cidade, que permitiría conectar a AP9 coa autovía a Lavacolla nas dúas direccións, así como establecer unha conexión coas áreas industriais do norte de Santiago, Tambre, Costa Vella e A Sionlla”, indicou Cela.

O portavoz municipal tamén fixo referencia ao feito de que existen outras infraestruturas de gran calado para Santiago “que parecen non figurar na axenda do Ministerio de Fomento, pois nada se sabe delas”, advertiu, en referencia á estación de mercadorías na Sionlla, á humanización do paso inferior de Conxo ou a mellora da seguridade viaria na N550 e N525.