BNG celebrará a XVII Asemblea Nacional co reto histórico de presidir a Xunta e darlle ao País un proxecto de futuro

Executiva
Executiva

Pontón: “Hoxe lideramos a oposición, en 2024 queremos liderar Galiza”

A Feixóo en relación á AP-9: “Que vai facer para compensar ós galegos e ás galegas polos 1.091 M€ que pagaron en peaxes ilegais desde 2013?”

O Consello Nacional aproba as teses políticas e de organización que agora debaterá a militancia nas comarcas de cara a cita do 7N na Coruña

O Consello Nacional deu luz verde á celebración da XVII Asemblea Nacional do BNG que terá lugar o 7 de novembro na Coruña aprobando, ademais, os textos do regulamento e das teses políticas e de organización que serán agora debatidas pola militancia en todas as comarcas do País. Unha cita asemblearia na que o BNG rematará un ciclo político e abrirá un novo, marcado polo reto histórico de liderar o Goberno de Galiza disputándolle a hexemonía ao PP.

“Nada disto sería posible sen o traballo intenso da organización, da militancia e simpatizantes e dunha liña política que conseguiu conectar con miles de galegos e de galegas. Sen renunciar a ningún dos nosos principios conseguimos situarnos como alternativa ao PP”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, na súa intervención.

Nesta situación, pediu non caer “no conformismo ou na rutina” e redobrar esforzos para afrontar os retos que hoxe ten o Bloque para dar respostas ao que a sociedade reclama: fortalecer a organización e ampliar a base social; -“porque sen esa fortaleza calquera avance terá os pés de barro”-; gañar apoio electoral nas eleccións municipais e no Congreso e “prepararse para un obxectivo de primeira magnitude: presidir a Xunta”, proclamou.

“Por primeira na historia, o BNG ten a posibilidade real de encabezar o Goberno e iso require que sexamos capaces de estar á altura do que a sociedade espera de nós. Hoxe lideramos a oposición, en 2024 temos que liderar Galiza, ese é o gran reto que temos diante para darlle un futuro de esperanza aos galegos e as galegas”, proclamou Pontón. Porque tras doce anos de gobernos “en contra” de Galiza, alegou, urxe un Goberno “a favor”, que só será posible baixo o liderado do BNG pero non de forzas estatais supeditadas a Madrid e aos intereses dos seus poderes económicos.

“Aí temos o exemplo de ENCE, o exemplo das eléctricas e a factura da luz ou a AP9”, alegou, despois de que a Comisión Europea declarase ilegal as ampliacións da concesión dos gobernos de PP e PSOE. Bruxelas dálle a razón ao BNG cando denunciaba a estafa das ampliacións que obrigan a pagar por unha AP9 que estaría libre de peaxes desde 2012 sen as ampliacións, a última até 2048 asinada por Aznar, artífice tamén da privatización e con Feixóo de conselleiro de Política Territorial.

“Por iso teño unha pregunta para o señor Feixóo: E agora que? Quen compensa aos galegos e as galegas polas peaxes pagadas baixo concesións ilegais? Que vai facer Feixóo como presidente da Xunta para compensar aos galegos e as galegas que levan pagado 1.091 M€ de peaxes ilegais facturadas por AUDASA desde 2013 até hoxe?”, interpelou.

Recrimina que PP e PSOE convertan esta nova estafa nun novo “pim-pam-pum” con Galiza para tapar a súa responsabilidade. “A Comisión Europea marca o camiño que debe seguir o Estado: suprimir a concesión e deixar a AP-9 libre de peaxes como se fixo noutras vías coetáneas, de non ser así estariamos ante unha discriminación”.

Neste contexto, urxe un cambio en clave galega que pasa por “disputarlle a hexemonía a un PP que deixa unha Galiza cada vez máis pequena, con menos oportunidades”, tres anos por diante, subliñou, “para avanzar nun BNG cada vez máis amplo, sumando a todas as persoas que queren esa outra Galiza posible, máis igual, máis xusta, máis democrática, máis feminista, na que poder vivir e traballar”.

Ampliar a base social

“Construír un futuro mellor só ten un camiño: ampliar a base social do BNG para liderar a Presidencia do País”, proclamou, un reto de tal envergadura que motivou que abrira un período de reflexión persoal. “Creo que o responsable é valorar todas as opcións para acertar e, en función do que valore como mellor para Galiza e para o BNG tomarei as decisións”, explicou ante o Consello Nacional.

Nese reto, a líder nacionalista aposta por multiplicar o traballo social en conexión co traballo institucional, e ser “a caixa de resonancia” dos grandes tema socias, como a factura da luz, a sanidade pública, o coidado dos maiores, a perda de servizos no rural, ou poñer a riqueza a favor das familias, da clase traballadora e das empresas.

“Seguiremos a ser a voz da cidadanía indignada coa estafa da luz, en defensa da sanidade pública fronte ós recortes do PP, a voz a favor dun nomo modelo de residencias, a que defenda que a riqueza do País debe usarse a favor das familias, da clase traballadora e das empresas, en defensa do medio ambiente e dunha Galiza verde, e a voz que coloque Galiza na axenda política do Estado, fronte a submisión das forza estatais”, enumerou.

Ao que se suma o papel do Bloque como muro de contención contra os discursos do odio e da intolerancia e a favor dos dereitos das persoas e dos pobos. Igualmente, chamou a atención sobre a necesidade de evitar que o descontento no actual contexto de crise se traduza en “pasotismo, frustración e desmobilización porque iso só favorece ás forzas políticas que queren manter un status e un centralismo nocivo para Galiza”, explicou.

“Con esta maneira de facer política cada vez máis cidadanía verá no BNG o seu referente e a mellor ferramenta para ganar un futuro mellor”, concluíu, convencida de que da Asemblea Nacional “sairá un BNG con máis forza que nunca para traballar a favor do País”.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG