Galegas 2024

BNG blindará a Atención Primaria do Carballiño con máis persoal e un novo Centro de Saúde

O Carballiño
O Carballiño

Presas avanza os proxectos que desenvolverá o BNG desde o Goberno Galego en materia sanitaria para O Carballiño

A partir do 18F, o BNG comprométese a blindar os servizos públicos atraendo profesionais sanitarios, a través dun Plan de Choque de 200M€, incluíndo pediatras

A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, avanza a captación de novos profesionais sanitarios para o Carballiño a través dun Plan de Choque de Atención Primaria dotado de 200M€ e o reforzo dos servizos públicos a partir do 18F cun goberno do BNG. A organización nacionalista, entre as medidas recollidas para garantir a cohesión e o reequilibrio territorial, impulsará a construción dun novo Centro de Saúde no Carballiño que resolva os problemas e carencias do actual, e incorporará novas categorías profesionais.

O compromiso do BNG no eido sanitario para blindar a Atención Primaria “é absolutamente claro e nítido” para a vila do Carballiño e a súa área de influencia. A cabeza de lista desenvolve as medidas en tres sentidos: incremento do investimento, atracción de novo persoal e garantir a cohesión e o reequilibrio territorial.

“No BNG no goberno galego impulsaremos un Plan de Choque de Atención Primaria de dotado de 200M€ para reforzar o persoal” avanza Noa Presas. Ademais, o BNG transformará o modelo de Atención Primaria incluíndo novas categorías profesionais e garantir cohesión e reequilibrio territorial.

“O Carballiño ten que ter cubertas as dúas prazas de pediatría e se a día de hoxe aínda non están cubertas é polas mentiras do Partido Popular que, a pesar de saber que unha profesional se ía xubilar, non activou os mecanismos necesarios para cubrir esa praza” subliña a cabeza de lista do BNG.

“Non poden vender que estas dúas prazas se van cubrir con media praza compartida co barrio ourensá da Ponte, un barrio dos máis poboados da cidade e un dos máis saturados” sinala Presas. A folla de ruta marcada polo Partido Popular para deixar O Carballiño sen este servizo non contenta a organización nacionalista que ve neste 18F a oportunidade de reverter a situación de desmantelamento dos servizos públicos “atraendo pediatras para Ourense”.

Por último, Noa Presas avanza a necesidade de construír un novo Centro de Saúde que resolva os problemas e deficiencias que posúe o actual centro. “En varias ocasións temos levado ao Parlamento esta demanda e o PP vetábaa mais, a partir do 18F, co goberno do BNG, o novo Centro de Saúde será unha realidade e incorporaremos persoal de novas categorías profesionais” conclúe Presas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG