Galegas 2024

BNG axilizará o novo centro de saúde de Poio co obxectivo de iniciar as obras en 2025

Poio
Poio

Luís Bará anuncia que o goberno do Bloque na Xunta ampliará o cadro de persoal do centro de Atención Primaria e incluirá especialidades como fisioterapia, psicoloxía clínica ou saúde bucodental

Avoga por mellorar o acceso dende a PO-308 cunha glorieta e por construír tamén un pavillón e un auditorio nos terreos da canteira da Graña

O BNG comprometeu hoxe que o futuro goberno da Xunta liderado por Ana Pontón axilizará a construción do novo centro de saúde de Poio nos terreos da canteira da Graña. A intención é que o proxecto estea redactado este ano 2024 para iniciar as obras en 2025 dando así resposta a unha demanda histórica da veciñanza.

Segundo explicou o cabeza de lista Luís Bará, “o que faremos dende o goberno da Xunta liderado polo BNG é asinar un convenio co Concello de Poio a través do SERGAS e tamén da Axencia Galega de Infraestruturas para a cesión da parcela, permitindo construír o novo centro de saúde e, ao mesmo tempo, facendo un novo acceso para Campelo cunha nova rotonda na PO-308. O primeiro paso será asinar ese convenio para que neste ano 2024 se redacte o proxecto e que poidamos estar construíndo no 2025”, subliñou.

Para o Bloque, o novo centro de saúde da canteira da Graña é unha infraestrutura fundamental para mellorar a atención sanitaria en Poio, xa que permitirá ter unhas instalacións máis amplas, modernas e funcionais, e ao mesmo tempo ampliar o cadro de persoal sanitario e incluír novas especialidades como fisioterapia, psicoloxía clínica ou saúde bucodental.

Bará confimou o “compromiso claro” de manter os actuais consultorios de Raxó e Combarro por ser instalacións de proximidade necesarias para dar unha boa atención sanitaria a zonas distantes do concello. Salientou, así mesmo, a disposición do BNG para valorar con toda a cidadanía de Poio e co seu concello os usos futuros do centro actual de Anafáns, que quedará libre ao construír o novo edificio de Atención Primaria. “Hai alternativas que no seu momento se propuxeron, como un centro de día, que son unha necesidade para a atención e coidado das persoas maiores”, recoñeceu.

“O prioritario neste momento –engadiu o candidato- é desenvolver infraestruturas e equipamentos como o centro de saúde e tamén colaborar para crear un grande núcleo de centralidade para Poio con equipamentos tamén demandados como o pavillón ou un futuro auditorio”. Subliñou que o goberno do BNG na Xunta será un aliado de Poio que atenderá as necesidades e as demandas das máis de 17.000 veciñas e veciños de Poio “sen partidismo e sen sectarismo como actuou o goberno da Xunta do Partido Popular”.

Terreos estratéxicos convertidos nun vertedoiro

Pola súa banda, a voceira municipal nacionalista en Poio, Marga Caldas, subliñou que os terreos da Canteira da Graña –de 39.000 metros cadrados- son un lugar estratéxico para o crecemento do concello de Poio, mais a día de hoxe están convertidos nun vertedoiro polo goberno local á espera de que o Partido Popular “poida dar algún tipo de contestación de por que non se inicia o proxecto do centro de saúde”.

Caldas subliñou que a inicios de 2023 o Concello de Poio, co BNG na Alcaldía, fixo efectiva a compra directa da bolsa de terreos, mantendo entón un encontro co conselleiro e co xerente informando da disposición da parcela para facer o centro de saúde. A Xunta dixo entón, lembrou a voceira, que tiña que visitar o lugar para ver a súa viabilidade, algo que xa estaba contrastado por todos os informes técnicos municipais.

Finalmente o 11 de maio persoal técnico da Xunta de Galiza e do Concello fixo a anunciada visita, quedando pendente o goberno galego de definir cal ía ser a localización concreta do centro de saúde dentro do solar para facer a segregación, recibir o terreo e tramitar despois dende o Concello o Plan de Usos para desenvolver ademais todos os outros equipamentos.

Dende o BNG municipal, ante a falta de avances, pediuse a convocatoria unha mesa da sanidade urxente para tratar o tema, pero o alcalde Ángel Moldes rexeitou a petición sen tampouco informar de se os trámites coa Xunta teñen progresado. “A día de hoxe non temos resposta. Polo que podemos ver é a maneira de actuar do goberno local do PP, que non ten moito interese en desenvolver as infraestruturas nin equipamentos necesarios para o concello e tampouco en dar resposta ás necesidades sanitarias”, subliñou Caldas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG