O BNG atribúe á incompetencia da Xunta “a farsa” da candidatura do laboratorio de bivalvos da UE

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas: “Somos potencia marisqueira e temos un capital de investigación, o que lle faltou a Galiza foi un Goberno serio”

O BNG atribúe á incompetencia da Xunta “a farsa” da candidatura do laboratorio de bivalvos da UE

O BNG atribuíu o fiasco da candidatura da Xunta para albergar a sede do Laboratorio europeo de bivalvos á incompetencia do Goberno galego e á irrelevancia política do presidente Feijóo, “con peso pluma” en Madrid, en irónica definición da deputada Noa Presas.

A portavoz de Industria tamén acusou ao Executivo de mentir anunciando unha candidatura “farsa” para tomar o relevo de Londres tras o Brexit, cando o Estado español xa coñecía a supresión deste organismo e mesmo votara a favor da súa extinción en Bruxelas. “Alguén debería dimitir, pero cando menos deben dar explicacións e deberían ter comparecido a petición propia nesta Cámara”, indicou Presas á conselleira de Pesca, Rosa Quintana.

Para a deputada nacionalista é evidente que Galiza tiña méritos sobrados para acoller a sede do centro de investigación europeo, e que foi o Executivo de Feijóo o que non estivo á altura. “Somos potencia marisqueira e temos un importante capital de investigación (INTECMAR), pero o que lle faltou a Galiza foi ter un Goberno serio que traballase con rigor en defensa dos intereses deste país. Temos un presidente con peso pluma”, lamentou.

Ao BNG non convenceron as explicacións da conselleira de Pesca, entre outras cuestións porque foi incapaz se aclarar como puido a Xunta anunciar unha candidatura para conseguir a sede dunha entidade en vías de desaparición, ademais de que tampouco foi capaz de amosar nin un só documento que avalase a proposta galega. “Cando calquera persoa se presenta a un posto de traballo ou se postula a algo ten que presentar documentación, onde está a da Xunta?”, interpelou, “porque en Bruxelas non recibiron ningún tipo de solicitude”.

Presas lamentou que, ante o fiasco, o Executivo do PP se conforme “coas migallas” dunha posible distribución das competencias do extinto laboratorio de bivalvos, que xa contaba cun orzamento de 1,8 millóns de euros, cantidade irrelevante dentro do orzamento comunitario de Pesca.