Galegas 2024

BNG aposta pola ordenación e planificación dos usos do monte para un aproveitamento multifuncional que preserve a biodiversidade

Encontro montes
Encontro montes
Luís Bará anuncia grandes actuacións para que os montes sexan “escudo protector” das áreas urbanas ante os lumes e cambios normativos para favorecer as comunidades de montes

O BNG terá como un dos eixos principais nas súas políticas dende a Xunta a ordenación e planificación dos usos do monte para acadar un aproveitamento multifuncional que preserve a biodiversidade. Así o anunciou hoxe o candidato por Pontevedra, Luís Bará, quen tamén comprometeu grandes actuacións para que os montes sexan “o escudo protector” das áreas urbanas ante os lumes, así como novos cambios normativos para favorecer as comunidades de montes.

Bará así o asegurou nun encontro coa Mancomunidade de montes de Vigo e outras entidades do Val Miñor e Tameiga, acompañado do voceiro municipal de Vigo Xabier P. Igrexas e da tamén candidata Alexandra Fernández. Na reunión o cabeza de cartel trasladou a visión e políticas en relación co monte do BNG, asegurando que se comparten cos colectivos “as preocupacións e proxectos nos que é importante traballar de maneira coordinada con cooperación e colaboración dende o ámbito autonómico, municipal e das comunidades de montes”.

Bará sinalou que o monte debe ser unha das grandes potencias de transformación do país, para sinalar que dende a Xunta “no Bloque imos ter un traballo constante para ordenar, xestionar e compensar os usos sociais, culturais e recreativos e de lecer que presta o monte, e tamén para apoiar outros usos de carácter produtivo e de tipo ecosistémico e ambiental, que deben ter unha valoración por parte da sociedade e da administración”, sinalou.

Encontro montes
Encontro montes

O candidato asegurou que hai un grave problema de todo o relativo coa seguridade, o cambio climático e os grandes incendios ambientais que ameazan o territorio e as zonas periurbanas. Apuntou que “debe haber unha grande actuación do goberno para previr, facer organización do territorio e protexelo da emerxencia ambiental”. “Hai que actuar sen demora”, enfatizou, para o que avogou por desenvolver actuacións de calado para que sexan o “escudo protector” fronte aos lumes.

Bará destacou que dous terzos da superficie do país son monte, polo que o seu papel no proxecto do país debe ser multifuncional. Defendeu que nos aproveitamentos produtivos é fundamental a intervención pública no relativo á planificación, mellora xenética ou xestión silvícola, entre outras cuestións, e garantiu que o BNG vai “actuar con luces longas, pensar o país en 40 anos, que son os ciclos da madeira”. Salientou que pensando o monte dese xeito, fomentando a transformación e traballando ben as cadeas de valor dos produtos, ábrese unha grande oportunidade para que dea moito máis de si en riqueza e en emprego.

Abordou o tema da enerxía e fixo fincapé na presión especulativa e depredación para instalar grandes factorías de produción de enerxía eólica e tamén fotovoltaica. Neste sentido, defendeu que o debate non debe estar en se o monte debe producir enerxía, senón no modelo e os intereses aos que responde o aproveitamento enerxético, apostando por unha planificación sustentable e respectuosa “fronte ao que están a facer grandes grupos patrocinados polo PP para extraer a riqueza do país”.

É preciso, dixo, desenvolver proxectos para empoderamento da xente propietaria do monte, “para que se aproveite dos recursos”, citando como exemplo iniciativas de comunidades enerxéticas para ter enerxía de proximidade, para autoconsumo, e incluso para vender. “É o noso modelo, totalmente diferente ao que nos queren impoñer”.

Finalmente, o candidato recoñeceu que no perímetro de Vigo o monte ten un grande uso social, deportivo, de lecer, que é unha riqueza, pero destacou que “se queremos que sociedade goce, temos que regulalo e compensar ou protexer a quen xestiona e conserva o monte en boas condicións”. Así, defendeu cambios legais sobre as comunidades de montes, para que se entenda esta figura xurídica e que haxa incentivos fiscais para a boa xestión.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG