- Ana Pontón: “O peche da anterior comisión foi decisión deliberada para non coñecer a verdade porque Feijóo foi cómplice do desfalco das caixas”
O BNG votou a favor de crear unha segunda comisión de investigación parlamentaria sobre a desaparición das caixas galegas, pese ao veto do PP a que incluíse como obxecto de investigación a venda de NovaGalicia, nunha operación que custou 8.500 millóns de euros públicos e deixou Galiza sen unha entidade financeira propia.
A formación nacionalista confía que nesta ocasión, -e aínda co obxecto de investigación cercenado-, a Comisión poda facer o seu traballo deliberadamente bloqueado polo PP na pasada lexislatura.
“O peche da anterior comisión foi unha decisión política deliberada para que non se coñecese a verdade”, salientou a portavoz parlamentaria Ana Pontón, “se Feijóo tivera a conciencia tranquila tería deixado traballar á comisión con liberdade, pero foi cómplice do desfalco e da desaparición das caixas, nunha venda que foi unha estafa en toda a regra”, argumentou no debate parlamentario.
Pontón denunciou que a estratexia “dilatoria” do PP para neutralizar a pasada comisión de investigación tivo como única motivación “soterrar a verdade tan incomoda de que se vendeu como un éxito persoal do presidente da Xunta o que en realidade foi un fiasco, a verdade incómoda de que foi Feijóo quen deu un tempo extra aos ex directivos para blindar indemnizacións que a Xustiza declarou ilegasis”.
O propio portavoz parlamentario popular admitiu que o PP bloqueou a comisión “para enfrear o debate”, reveladora declaración que para Pontón supón que o partido de goberno pretende poñerse “por riba do Parlamento, por riba da lei e por riba da democracia”. Con estes antecedentes, a portavoz do Bloque demanda que esta nova comisión de investigación “non se vexa obrigada a chegar a conclusións á medida do relato previamente cociñado polo PP”.
“Que a verdade se faga paso”, -concluíu-, ante uns feitos que supuxeron a desaparición do sistema financeiro galego, con miles de millóns de euros de perdas e con serias repercusións sobre o sistema crediticio, sen que ninguén asumise responsabilidades políticas, nin haxa ninguén na cadea.