BNG anuncia o ‘Plan Baixo Ulla’ para dinamizar e poñer en valor de maneira conxunta o territorio de ambas beiras do río

Baixo Ulla
Baixo Ulla
Máis solo industrial, unha marca propia para o turismo e programación cultural centrada en grandes figuras como Rosalía, Castelao, Maside ou Carolina Otero, entre os compromisos do cabeza de lista Luís Bará a desenvolver tras o 18F

O BNG impulsará dende o goberno galego tras o 18F un ‘Plan Baixo Ulla’ para desenvolver e dinamizar, de maneira conxunta, todo o potencial e os recursos do territorio que conforman os concellos de ambas beiras arredor do río: Valga, Catoira, Pontecesures, Vilagarcía, Padrón, Dodro e Rianxo.

Esta proposta foi presentada hoxe polo cabeza de lista do Bloque por Pontevedra Luís Bará, e a número dous pola Coruña, Mercedes Queixas, que defenderon unha actuación ambiciosa e de colaboración entre a Xunta, deputacións, concellos e tecido asociativo creando unha ‘mesa do Baixo Ulla’ para rachar as fronteiras administrativas, que consideran artificiais, e poñer en valor a relación humana, xeográfica e cultural existente na realidade.

O Plan inclúe dez grandes liñas de actuación, fundamentalmente centradas no desenvolvemento económico e produtivo para xerar riqueza e emprego e para dinamizar a área demográfica e socialmente aproveitando os recursos do territorio “que son inmensos”. “Hai grandes oportunidades e é necesario marcar obxectivos ambiciosos porque hai moito por facer”, afirma o nacionalista Luís Bará.

Como primeiro punto, o cabeza de cartel pontevedrés comprometeu o desenvolvemento de máis espazos empresariais e industriais, na vocación de xestionar de maneira ordenada máis solo ben comunicado e dotado, habilitando terreos e creando novos parques, xa que a oferta actual é insuficiente. “Servirá para atraer empresas e aproveitar o dinamismo que hai neste ámbito”, dixo.

En segundo lugar, o nacionalista avogou por fomentar o desenvolvemento de actividades produtivas relacionadas co sector primario, tanto no ámbito forestal, como mobilizando terras para a produción agrogandeira, ou no sector marítimo-pesqueiro, “que teñen grande potencialidade”. Como terceiro eixo o BNG aposta, falando de turismo, por desenvolver marca potente facendo un posicionamento conxunto da zona e “chegando ao mundo” con elementos diferenciais como as festas, patrimonio, cultura, gastronomía, festas, ou o Camiño.

O cabeza de lista tamén salientou o impulso que o BNG dará dende a Xunta aos valores ambientais, da biodiversidade e os espazos naturais como as Brañas de Laíño ou o Río Ulla, incluídos na Rede Natura, “pero en total abandono actualmente”.

Neste mesmo ámbito, Bará destacou o compromiso para a recuperación e rexeneración da ría e do río en todas as súas dimensións, ambientais e produtivas, cun plan de saneamento e produtividade, que se concretará dentro do Plan Ríos e Plan Rías a desenvolver en toda Galiza.

Como sexto eixo, plantéxase a mellora de dotacións sociais, culturais, deportivas, e as necesidades de escolas ou centros de día, completando as que faltan no territorio; tamén a mellora e a potenciación das infraestruturas e a comunicación a través da rede viaria co fomento do transporte público e da mobilidade por medio do tren.

Como punto final, o BNG traballará, dixo Bará, pola promoción de todo o inmenso e rico patrimonio cultural histórico artístico que ten a zona e a recuperación da memoria histórica cunha creación de rede de lugares de memoria.

De maneira concreta, avogou por unha programación temática arredor de grandes figuras da historia que están relacionadas co territorio do Baixo Ulla, como por exemplo no caso de Padrón Rosalía de Castro, e tamén en Rianxo figuras como Castelao, Dieste, Manuel Antonio, o propio Carlos Maside en Pontecesures, Carolina Otero, Carmiña Sierra e o SEG, en xeral a cerámica Celta, “grandes proxectos culturais que teñen que ser elementos de atracción, dinamización e de mobilización dos recursos deste territorio”.

A número dous da lista pola Coruña Mercedes Queixas salientou a obriga que ten o goberno galego de impulsar, coordinar, e dar estrutura a iniciativas como a xa existente da web sobre o Baixo Ulla para darlles unha maior proxección con proxectos como o Plan Baixo Ulla. Ambas candidatas nacionalistas subliñaron que só cun cambio liderado polo BNG o vindeiro 18F se poderán impulsar proxectos tan ambiciosos como os que precisa o territorio. “É preciso mobilizarse e concentrar na papeleta do BNG todos os apoios da xente que quere unha Galiza mellor e con futuro”.

Bará e Queixas fixeron esta presentación na praia fluvial de estiveron acompañados na praia fluvial de Vilarello, en Cordeiro (Valga), acompañados de representantes institucionais dos concellos de Pontecesures, Valga, Catoira, Vilagarcía, Padrón, Dodro e Rianxo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG