O BNG agarda que o PP vote o mesmo en Madrid que en Galiza para transferir a AP-9

A deputada Ana Pontón lembrou que o 26 de maio do 2015 o BNG defendeu a Proposición de lei para a transferencia da AP-9 e tras ser aprobada por unanimidade no Parlamento galego o deputado galego do PP no Congreso,Celso Luís Delgado Arce votou en contra.

Ana Pontón

A parlamentaria do BNG, Ana Pontón defendeu hoxe reclamar do Goberno do Estado a transferencia da AP-9. Durante o debate do ditame sobre a Proposición de lei para remitir ao Congreso dos deputados a petición de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á Xunta de Galiza, a parlamentaria manifestou que o BNG agarda que nesta ocasión, “o PP vote o mesmo en Madrid que en Galiza” xa que a proposta de lei do BNG xa foi aprobada “por unanimidade” na Cámara galega o pasado 26 de maio do 2015 e o deputado galego do Partido popular no Congreso, Celso Luís Delgado Arce votou en contra.

Neste sentido, explicou que os grupos de ámbito estatal cando deben decidir sobre as decisións “que son boas para Galiza”, votan en contra e o BNG, recalcou, “sempre mantén a mesma posición, aquí, en Madrid ou en Bruxelas”. Nós estamos para defender con claridade os intereses deste país aínda que en moitas ocasións “iso non lles guste en Madrid”. A nós, engadiu, parécenos moi positivo que o Parlamento galego trámite esta iniciativa e que consigamos dunha vez que “a transferencia poda materializarse” xa que sigue existindo unha “forte resistencia” dentro dos partido de ámbito estatal.

Ana Pontón

A deputada remarcou que a iniciativa do BNG aprobada hoxe resulta fundamental para a vida dos galegos e galegas e que leva meses “durmindo o soño dos xustos” xa que dende o mes de setembro do 2015 comezou a tramitación desta lei. Sobre este estremo, Ana Pontón criticou que as leis do Partido popular “van pola vía rápida” mestres as da oposición son ralentizadas, o que ao seu xuízo, responde a que o Partido popular non considerou esta lei como “unha cuestión central na práctica”, a pesar das diversas manifestacións públicas do Partido popular e do propio Núñez Feijóo quen afirmou querer a transferencia pero os feitos concretos indican que hai moita “fantasía e declaración pública e en ningún compromiso real”.

Finalmente a deputada asegurou que AP-9 cumpre un importante papel na articulación da poboación e territorio onde se concentra a actividade económica, máis é un síntoma do “agravio e espolio” con Galiza cunhas peaxes elevadísimas e sen unha alternativa real porque a N-550, explicou a deputada, non se pode considerar unha alternativa á autoestrada.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG