parlamento galego

BNG advirte dos estragos que está causando a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica e reclama unha ampliación das axudas

Xosé Luís Rivas Mini
Xosé Luís Rivas Mini
Rivas Cruz lamenta a falta de compromiso da Xunta do PP para cubrir as perdas das explotacións pola baixada de produción ou os abortos que causa a doenza

O deputado do BNG Xosé Luis Rivas reclamou hoxe en sede parlamentaria a ampliación das axudas para cubrir os estragos que, advertiu, está a causar na cabana gandeira a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica, coñecida como ‘a covid das vacas’.

Rivas Cruz considerou insuficiente que as axudas da Consellería de Medio Rural cubran só as mortes causadas pola enfermidade porque, advertiu, a doenza está provocando outras perdas nas explotacións relacionadas coa baixada de produción de leite e carne, os abortos, a infertilidade posterior ou as malformacións fetais.

Lamentou, neste sentido, a falta dun compromiso explícito da Xunta do PP a ampliar as axudas xa anunciadas por morte, pois o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industria Alimentaria, José Balseiros, tan só dixo hoxe que están a estudar as compensacións que van recibir os gandeiros.

O BNG conseguiu o pasado 27 de outubro que o PP aceptase reclamar á Xunta as axudas por mortes derivadas da ‘covid das vacas’, un dos puntos dunha proposta presentada por Rivas Cruz en comisión parlamentaria que tamén incluía compensacións pola baixada de produción. Este punto, sen embargo, non foi aceptado polo PP, de aí que o deputado nacionalista insistise hoxe na súa reclamación.

Información para evitar alarmas infundadas

Na exposición dunha pregunta formulada ao director xeral, José Luís Rivas insistiu igualmente este venres na necesidade de ampliar a información sobre a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica tanto aos gandeiros como á sociedade en xeral, co obxectivo de evitar posibles alarmas no consumo de produtos procedentes do vacún e do ovino.

Xosé Luís Rivas acusou ao Goberno do PP de “escorrer o vulto” cando, xa en xullo, a doenza estaba ás portas do País e “todo facía prever que ía entrar”, pois as condicións climatolóxicas (temperatura e humidade) eran favorables para a cría do vector que a transmite, como así ocorreu. Criticou, neste sentido, que a primeira “informacionciña” que recibiron os gandeiros foi un pequeno anexo nunha circular pola lingua azul a mediados de agosto. Aludiu, neste sentido, ao “medo” que provoca falta de información, e emprazou á Consellería a investigar por que algúns gandeiros se negaron a declarar a morte de vacas afectadas pola doenza.  




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG